É a parte fundamental da edición, aquela que deixa o texto listo para ser publicado. Tras este concepto de revisión editorial escóndense, en realidade, varios pasos:
A. Lectura crítica e comentario profesional. É o primeiro contacto do editor co texto do autor. Consiste na elaboración dunha análise que valora a eficacia do texto e a súa adecuación aos obxectivos que persegue (non é o mesmo, por exemplo, un texto divulgativo que unha novela). Inclúe tamén unha proposta de modificacións de carácter xeral para melloralo.
Todas as editoriais teñen lectores profesionais que se encargan de revisar o texto dos autores, analizan a súa estrutura e o seu estilo e, opcionalmente, suxiren cambios. No teu caso, como autor independente que decide autopublicar un libro, ti mesmo deberás valorar se o teu texto está xa pechado ou se as suxestións dun profesional poden axudar a puílo antes da súa publicación. É, evidentemente, a túa decisión, como o é o aceptar ou non as recomendacións do lector. Como o resto dos pasos desta guía, é unha opción que deberás valorar.
B. Corrección ortotipográfica e de estilo. Unha vez establecido o texto definitivo, é o momento de revisalo para evitar erros ortográficos e tipográficos. Búscase, por unha banda, axustar o texto ás normas ortográficas da lingua e, por outra, adecuar a súa tipografía aos estándares: coherencia dos tipos de letra utilizados, aplicación de estilos (cursivas, negriñas, redonda, versais...), axuste de bibliografías, cadros, poesías, índices, notas de pé de páxina, citas, etc.
Pola súa banda, a
corrección de estilo é máis ampla que a anterior e, sen dúbida,
unha das revisións fundamentais nun libro. O obxectivo dunha corrección de estilo é conseguir que o texto flúa axeitadamente, que sexa de fácil lectura, comprensible, sen ambigüidades nin redundancias, ben estruturado, coherente e axustado aos seus obxectivos. O corrector de estilo revisa a estrutura das construcións, a puntuación, o tamaño das oracións, a extensión dos parágrafos, etc.
Ten en conta que, aínda que poden realizarse por separado, estas dúas revisións adoitan realizarse ao mesmo tempo, polo que podes agrupalas nunha soa.
Aínda que, insistimos, todas estas fases da edición dun libro son opcionais,
recomendámosche encarecidamente
que antes de publicar o teu libro fagas unha revisión ortotipográfica e de estilo.. Ata no texto máis traballado deslízanse erros, con frecuencia numerosos, que afean o resultado final. Ademais, non convén que esta revisión sexa realizada polo autor, pois este “ten os ollos demasiado afeitos” ao texto que escribiu e, a forza de velos, pasaránselle por alto erros que un profesional detectará inmediatamente.
C. Preparación de maqueta. Consiste en dispor o documento para envialo ao maquetista. Para iso, é preciso definir os seus elementos: páxina de créditos, dedicatoria, índice, capítulos, bibliografía...
D. Corrección de probas de maqueta. Aínda que este paso vén logo da maquetación do libro, incluímolo aquí porque é un dos procesos da revisión editorial. Consiste na lectura atenta do texto para detectar que a maqueta está ben axustada en todos os seus elementos (créditos, ISBN, páxinas pares e impares, liñas orfas e viúvas, tipografía de títulos e subtítulos, erros, etc.).
Se queres realizar a revisión editorial do teu libro, recomendámosche: