Redelibros alberga unha base de datos de máis dun millón de fichas de libros. Entre eles podes atopar dende as últimas novidades ata libros descatalogados ou noutros idiomas. Atendendo á nosa filosofía de espazo común, esta base de datos está aberta para que poda ser consultada por todo o mundo, sen necesidade de rexistro previo, e facer todo tipo de procuras e seleccións dende o buscador.
Como usuario rexistrado, ademais poderás valorar cun sistema de estrelas ou escribir os teus comentarios. Ambos poden consultarse na ficha de cada libro.
Coa vosa axuda queremos conseguir que a base de datos sexa o máis completa posible. Se non atopas algún libro, e queres engadilo, podes usar este formulario. Se botas en falta calquera dato relevante, ou atopas algún equivocado, podes editar a ficha do libro usando a opción “Editar detalles do libro”
Neste apartado poderás compartir textos (poemas, relatos, novelas ou o que sexa), escritos por ti ou por terceiros, que creas poidan ser de interese para o resto dos membros. Obviamente, tamén poderás ler, comentar e valorar os publicados por outros usuarios.
Autoedición
Se escribiches un libro e queres publicalo, Redelibros pódeche axudar. Nesta páxina atoparás unha completa guía de edición na que che explicaremos, paso a paso, que facer para ver o teu libro publicado. Tamén atoparás aos nosos provedores recomendados para cada proceso.
Autores Redelibros
Nesta sección poderás coñecer de preto aos autores que pertenzen á nosa comunidade. E, se o desexas, tamén poderás adquirir algúns dos seus libros.
Nesta sección atoparás artigos dos nosos colaboradores (críticos, autores, editores, expertos, etc.) que che brindarán distintas perspectivas sobre a literatura e o mundo editorial: análise de xéneros, reseñas de obras concretas, estudos sobre actualidade editorial, traballos sobre autores destacados, etc.
Actividades que teñen premio. Concursos organizados polos nosos colaboradores ou polos propios usuarios para potenciar a creación literaria, audiovisual e artística. Unha sección que dá moito xogo.
Unha páxina que contén a moitas: os principais focos de información cultural do país, blogs, axendas culturais, páxinas de editoriais, seccións de cultura en prensa... Ofrecémoschas sindicadas por rss, automaticamente actualizadas e reunidas para a túa comodidade.
Colaborar e participar na rede ten premio: os redepuntos, que irás acumulando coa túa actividade. Poderás cambiar gratuitamente os teus redepuntos por libros na nosa tenda.
Queremos mostrar o noso agradecemento a todas as persoas, empresas e institucións que co seu gran esforzo e participación apoiáronnos e séguennos apoiando cada día para crear un espazo galego de literatura en Internet.
Se estás interesado en colaborar, ponte en contacto con nós.
Queres publicar?
Se escribiches un libro e queres publicalo, Redelibros pode axudar. Nós non o faremos por ti, pero guiarémoste e acompañarémoste durante todo o proceso: dende a revisión do orixinal ata a venda. Ademais, se es usuario de Redelibros, ofrecémosche gratuitamente unha serie de servizos, como a xestión e obtención do ISBN (no caso de que queiras vender o teu libro), un modelo de portada, un portal de vendas e unha serie de ferramentas de autor na nosa rede para promocionar o teu traballo.
Nesta páxina atoparás unha completa guía de edición na que explicaremos, paso a paso, que facer para ver o teu libro publicado.
Guía de edición Redelibros
Editar un libro require da intervención de moi diversos profesionais. Por iso, dividimos esta guía en varios apartados que se corresponden coas distintas fases do proceso:
1. Revisión editorial
2. Rexistro e obtención do ISBN
3. Maquetación
4. Deseño de portada
5. Impresión
6. Conversión a epub
7. Promoción, distribución e venda
Explicaremos en que consiste cada unha e suxeriremos como realizala. Ten en conta que é moi posible que non as precises todas. Por exemplo, pode ser que o teu libro xa estea maquetado (ou que ti mesmo queiras maquetalo, ou que cho maquete un amigo); poida que só pretendas comercializalo en papel (ou pola contra, só en epub). Se cres que non necesitas unha fase, sáltacha e segue adiante...
Para que resulte todo o máis cómodo posible, establecemos unha serie de acordos con distintas empresas do sector (edición e corrección, maquetación, deseño de portada, impresión, conversión a epub...) que se encargarán de canto precises. Nalgúns casos, verás que ofrecemos máis dunha opción para realizar un mesmo proceso. Facémolo así porque queremos que poidas elegir, en cada momento, aquela que máis se axuste ás túas necesidades, que non serán as mesmas se pensas, por exemplo, editar un libro coas túas memorias para regalarlle á familia que se pretendes editar a túa novela da forma máis profesional posible.
Dependendo das túas opcións ou necesidades, poderás editar o teu libro a un custo moi económico ou incluso gratuíto (se xa tes o texto preparado e optas, por exemplo, por publicar unicamente en epub, ou en epub e papel sen tirada inicial).
Estas son as fases do proceso:
É a parte fundamental da edición, aquela que deixa o texto listo para ser publicado. Tras este concepto de revisión editorial escóndense, en realidade, varios pasos:
A. Lectura crítica e comentario profesional. É o primeiro contacto do editor co texto do autor. Consiste na elaboración dunha análise que valora a eficacia do texto e a súa adecuación aos obxectivos que persegue (non é o mesmo, por exemplo, un texto divulgativo que unha novela). Inclúe tamén unha proposta de modificacións de carácter xeral para melloralo.
Todas as editoriais teñen lectores profesionais que se encargan de revisar o texto dos autores, analizan a súa estrutura e o seu estilo e, opcionalmente, suxiren cambios. No teu caso, como autor independente que decide autopublicar un libro, ti mesmo deberás valorar se o teu texto está xa pechado ou se as suxestións dun profesional poden axudar a puílo antes da súa publicación. É, evidentemente, a túa decisión, como o é o aceptar ou non as recomendacións do lector. Como o resto dos pasos desta guía, é unha opción que deberás valorar.
B. Corrección ortotipográfica e de estilo. Unha vez establecido o texto definitivo, é o momento de revisalo para evitar erros ortográficos e tipográficos. Búscase, por unha banda, axustar o texto ás normas ortográficas da lingua e, por outra, adecuar a súa tipografía aos estándares: coherencia dos tipos de letra utilizados, aplicación de estilos (cursivas, negriñas, redonda, versais...), axuste de bibliografías, cadros, poesías, índices, notas de pé de páxina, citas, etc.
Pola súa banda, a corrección de estilo é máis ampla que a anterior e, sen dúbida, unha das revisións fundamentais nun libro. O obxectivo dunha corrección de estilo é conseguir que o texto flúa axeitadamente, que sexa de fácil lectura, comprensible, sen ambigüidades nin redundancias, ben estruturado, coherente e axustado aos seus obxectivos. O corrector de estilo revisa a estrutura das construcións, a puntuación, o tamaño das oracións, a extensión dos parágrafos, etc.
Ten en conta que, aínda que poden realizarse por separado, estas dúas revisións adoitan realizarse ao mesmo tempo, polo que podes agrupalas nunha soa.
Aínda que, insistimos, todas estas fases da edición dun libro son opcionais, recomendámosche encarecidamente que antes de publicar o teu libro fagas unha revisión ortotipográfica e de estilo.. Ata no texto máis traballado deslízanse erros, con frecuencia numerosos, que afean o resultado final. Ademais, non convén que esta revisión sexa realizada polo autor, pois este “ten os ollos demasiado afeitos” ao texto que escribiu e, a forza de velos, pasaránselle por alto erros que un profesional detectará inmediatamente.
C. Preparación de maqueta. Consiste en dispor o documento para envialo ao maquetista. Para iso, é preciso definir os seus elementos: páxina de créditos, dedicatoria, índice, capítulos, bibliografía...
D. Corrección de probas de maqueta. Aínda que este paso vén logo da maquetación do libro, incluímolo aquí porque é un dos procesos da revisión editorial. Consiste na lectura atenta do texto para detectar que a maqueta está ben axustada en todos os seus elementos (créditos, ISBN, páxinas pares e impares, liñas orfas e viúvas, tipografía de títulos e subtítulos, erros, etc.).
Se queres realizar a revisión editorial do teu libro, recomendámosche:
Só necesitarás un ISBN se pensas comercializar o teu libro dalgunha forma. Se a túa intención é obter un volume para regalar aos teus amigos ou familiares, non é preciso que o rexistres. Pero, se queres vendelo, necesitas un ISBN. Aquí, como sempre, tes varias opcións: podes obter un como autor independente (nesta web explican como); podes utilizar o que nós ofrecemos de forma gratuíta, o que quererá dicir que o teu libro sairá publicado co selo de Edicións Redelibros e que terás que asinar un contrato autorizándonos a publicar o teu texto (moi libre, como poderás ver; se queres botarlle un ollo, descárgao aquí); ou, tamén, poderás utilizar o ISBN dalgún dos nosos colaboradores, como Meubook ou Niké.
Respecto do rexistro: convén que antes de publicar o libro o rexistres para que se recoñeza oficialmente a túa autoría. Para iso, recomendamos a páxina www.safecreative.org, dende a que poderás realizar todas as xestións necesarias e que ofrece a mesma seguridade xurídica que, por exemplo, o Rexistro da Propiedade Intelectual. Con outra vantaxe, ademais da comodidade: poderás elixir entre unha ampla variedade de reserva de dereitos, desde o copyright ao copyleft, pasando por Creative Commons.
Se queres encargar a xestión do ISBN, recomendámosche:
Unha vez teñas o texto definitivo corrixido e editado, é o momento de envialo ao maquetista para convertelo nun pdf de alta calidade preparado para imprenta. A complexidade do proceso depende, como é lóxico, do propio texto: non é o mesmo maquetar un ensaio matemático ou un libro de texto que unha novela. Por iso, deberás valorar se ti mesmo podes realizar esta fase ou prefires que se encargue diso un profesional.
Unha vez maquetado, o texto debería volver pasar polas mans do editor para a corrección das probas de maqueta: para comprobar que está ben axustada en todos os seus elementos (é o punto 1.D. desta guía). Ten en conta que o lector verá o libro final exactamente da mesma forma na que está neste pdf.
Se queres encargar a maquetación do teu libro, recomendámosche:
O deseño da portada é máis importante do que a primeira vista parece, pois trátase do primeiro elemento do libro que atraerá ―ou afastará― a atención do posible lector. Se es creativo, podes deseñala ti mesmo, ou pedirllo a algún amigo. Recomendamos, iso si, que antes visites unha librería ou a túa propia biblioteca para localizar aqueles aspectos que converten a unha portada en atractiva: a tipografía, a ilustración, a composición do título e o nome do autor, etc. Se non queres complicar a vida, ofrecémosche dúas opcións: encargarlla a un deseñador (aquí abaixo tes algunha opción) ou, máis fácil aínda, utilizar a nosa portada xenérica... cambiando, iso si, o título e o nome do autor.
Se queres encargar unha portada para o teu libro, recomendámosche:
É evidente que a calidade da impresión é un elemento fundamental para que un libro resulte atractivo. Hoxe en día estase impondo, grazas ás novas tecnoloxías, un sistema de impresión revolucionario: a impresión baixo demanda. Este é o servizo que recomendamos se queres ver o teu libro en papel, pois supón grandes aforros para o editor (neste caso, para ti mesmo). A impresión baixo demanda (POD, Print on Demand, nas súas siglas en inglés) evita a necesidade de grandes tiradas. Permite imprimir o libro unidade a unidade, a medida que un lector quere adquirilo, mediante unha orde emitida desde o punto de venda (a librería online, habitualmente) á imprenta, que é a que se encarga, en última instancia, de facelo chegar ao comprador.
A nosa recomendación, en todo caso, é que fagas unha tirada inicial algo máis numerosa que necesitarás para a promoción do libro, para distribuír aos teus coñecidos ou no caso de que decidas polo á venda en librerías físicas. Despois, o sistema POD permitirache ir obtendo máis volumes a medida que os necesites.
Se queres encargar a impresión do teu libro, recomendámosche:
O epub estase convertendo a toda velocidade no formato estándar do libro dixital grazas á súa versatilidade: permite a súa lectura en todo tipo de aparellos electrónicos, xa sexan ereaders, tablets, smartphones, ordenadores... E ten unha gran vantaxe sobre a impresión: só é necesario realizar o proceso unha vez. Evidentemente, ti mesmo deberás valorar se desexas comercializar o teu libro en formato papel, dixital ou ambos, pero recomendamos que non deixes de lado esta opción: non só resulta económica, senón que, unha vez obtido o libro dixital, poderás distribuílo sen esforzo por un crecente número de librerías electrónicas.
Se queres encargar a conversión a EPUB do teu libro, recomendámosche:
En Redelibros pomos á túa disposición unha serie de “ferramentas para autores” que axudarán a promocionar a túa obra. Ademais da propia ficha do libro na nosa base de datos (con enlace directo para a súa venda), poderás dispor dunha páxina de autor na nosa rede e dunha tenda online tanto en Redelibros como en Facebook para vender o teu libro en papel ou en dixital. Ademais, poderás utilizar a canle de vendas de Meubook. Ao mesmo tempo, en Redelibros estamos falando con varias tendas online como Amazon para abrir nelas a nosa propia tenda virtual, na que, se o desexas, poderás incorporar tamén o teu texto.
Se pensas ademais en distribuír o libro en librerías físicas, fala con nós. Valoraremos o seu contido e, se se axusta aos nosos estándares, distribuirémolo en librerías de toda Galicia a través da Distribuidora Pragma, do grupo Niké. Así mesmo, estamos negociando con algunha rede estatal para estender a distribución dos nosos libros a todo o territorio do Estado.
Se buscas unha plataforma de venda para o teu libro, podes contactar con:
E isto é todo. Esperamos que agora teñas máis claros os pasos básicos da edición. Recorda que non todos os procesos son necesarios e que, en calquera caso, se decides publicar a túa obra, estarás en todo momento acompañado e aconsellado por profesionais. É o momento de converter o teu soño en realidade!
Coñece máis sobre os nosos proveedores recomendados