Aínda que esteamos no verán (ou quizais por iso), levamos velocidade de cruceiro. Cada vez máis autores súmanse ao proxecto editorial de Redelibros. Nestes tempos de crise apocalíptica, cando as editoriais miran ao redor con desconfianza e só publican autores de renome que, suponse, teñen garantidas as vendas, Redelibros segue adiante cun proxecto claro: ofrecer aos creadores unha vía para divulgar as súas obras e, aínda máis importante, facelo en condicións óptimas. Con calidade de edición profesional e mantendo o control absoluto sobre o seu traballo.
Está claro, a ninguén se lle escapa xa, que o mundo da edición está en plena transformación. Cada día máis autores deciden porse ao temón da súa vida profesional e apostar por canles alternativas, como a nosa.
Estes días estamos preparando catro novas publicacións, que verán a luz nos proximos meses. Dúas novelas, un libro de relatos e un poemario, todos libros diferentes pero con algo en común: a súa indubidable calidade. Sairán na nosa coleccion "Autores independentes", que cun deseño comun permitiravos identificar dunha ollada os nosos libros tanto nas librerías físicas como nas online.
Fugaz coincidencia, do lucense José Estévez López (activo redelibreiro, por outra banda) é a primeira destas obras que publicaremos. Trátase dunha novela deliciosa, sorprendente, que aborda a relación entre un home maduro e unha moza de vintetantos desde unha perspectiva tan mordaz como intelixente. Unha lectura repleta de achados, profundamente enraizada na nosa tradición novelística galega, que estamos seguros gozaredes.
Os outros libros, dos que vos falaremos máis extensamente nas vindeiras semanas, son El asedio de Miguel A. Otero Furelos (unha novela que vos envolverá nunha atmosfera máxica e, ao tempo, asfixiante), Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira (un libro de relatos que ides devorar) e Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez (un poemario sobre o amor, a sensualidade e a busca da liberdade). Mais de todos eles vos falaremos nas próximas semanas.
Polo de agora, deixámosvos coa capa (que non é aínda definitiva) de Fugaz coincidencia, para que lle botedes unha ollada ao deseño: que vos parece? Gústavos?
