

“Valerie on the stairs” (Valerie nas escaleiras) é o título do capítulo 2x09 da serie Masters of Horror, que é unha destas series de medo nas que os capítulos son independentes en argumento e equipo artístico, na liña de Tales from the Crypt, Fear Itself, The Twilight Zone,...
Este episodio conta un relato de Clive Barker no que un novo e atractivo aspirante a escritor consegue praza nun edificio que acolle autores non publicados, facilitándolles de balde o alugueiro dun apartamento. Alí pasaranlle cousas estrañas e coñecerá outros autores. Non quero desvelar demasiado... Sempre son simpáticas as historias con escritores como protagonistas -e que foron escritas por escritores á súa vez- nas que se intúen frecuentes doses de inspiración autobiográfica. A miseria, o fracaso, as expectativas, as ganas do recoñecemento do talento, a frustración, a insistencia, a procura de respostas para atopar un camiño -ou atallo- para unha fin triunfante. Dilemas crónicos das ansias de grandeza máis ou menos comúns dentro dese tipo de actividades creativas nas que a realidade se torna confusa e voluble.
Bueno, si que vou desvelar algo... Valerie é unha pantasma ou persoa (ahhhh...) de moi bo ver, nova, alta, loira, esvelta e pouco ou nada vestida, que se amosa desvalida e necesitada de rescate... (amo as ideas de serie B) e que pasea polas escaleiras do edificio saloucando e/ou ofrecéndoselle carnalmente ó rapaz aspirante recén chegado. No edificio habita un autor maior, ó que interpreta Christopher Lloyd (inesquecible para calquera que vise “Back to the Future”), e outros escritores que amosan ó novo inquilino máis ou menos simpatía. De Lloyd é unha gran frase: “Se ti tiveses creado a Valerie... mataríala?” Está claro, se é creación propia, destinada a pertencerte, o gran obxeto a desexar, nunca a destruirías.
Creas a proxección do Mal para poder destruíla e a proxección do desexo para poder posuíla. Creas alimento para paixóns tan dispares, tan enganosas, tan inocentes e diabólicas coma propias que son. Monstros, os que temos e os que somos. Sen posibilidade algunha de escapatoria ou de redención. Stevenson xa nolo deixou ben claro. E quedamos só o Heroe e a Besta, quen é quen? E o -así chamado- Heroe, no enxordecemento da acción, fai o peor que pode facer nunca un macho Alfa: desouvir as mensaxes claras e directas “Non” “Non podo” “Non o entendes” “Non podo saír de aquí” “Eles xa remataron a historia” “Ti non podes decidilo” “Non, por favor” “Non” pero, vaia,... que dicirlle a un Heroe que non pode facer algo é empurralo fisicamente a que o faga, teña sentido ou non. O Heroe será fervor e non razoará nin permitirá que ninguén pense, porque o Heroe non delega.
E o Heroe abre a boca e di: “Es libre, es real e estás comigo” Tres motivos de peso, sobre todo o último... o único fatidicamente certo. Se te calaras...