• Entrar
  • Rexistrarse
  •  
Redelibros, a rede social galega do libro, un espazo para a literatura e un punto de encontro en Galicia para lectores, editoriais, librerías, autores...
A rede social galega do libro
Mega Menu Drop Down - Columns
  • Inicio

    Coñécenos

    • Quen somos
    • Preguntas
    • Blog
    • Soporte
    • Contacto

    Enlázanos

    Se che gusta Redelibros e queres axudarnos a medrar, engade un banner na túa web ou blog.

    • Enlázanos

    Síguenos na rede

  • Libros

    Base de datos bibliográfica

    Redelibros alberga unha base de datos de máis dun millón de fichas de libros. Entre eles podes atopar dende as últimas novidades ata libros descatalogados ou noutros idiomas. Atendendo á nosa filosofía de espazo común, esta base de datos está aberta para que poda ser consultada por todo o mundo, sen necesidade de rexistro previo, e facer todo tipo de procuras e seleccións dende o buscador.

    Como usuario rexistrado, ademais poderás valorar cun sistema de estrelas ou escribir os teus comentarios. Ambos poden consultarse na ficha de cada libro.

    Coa vosa axuda queremos conseguir que a base de datos sexa o máis completa posible. Se non atopas algún libro, e queres engadilo, podes usar este formulario. Se botas en falta calquera dato relevante, ou atopas algún equivocado, podes editar a ficha do libro usando a opción “Editar detalles do libro”

  • Autores

    Textos

    Neste apartado poderás compartir textos (poemas, relatos, novelas ou o que sexa), escritos por ti ou por terceiros, que creas poidan ser de interese para o resto dos membros. Obviamente, tamén poderás ler, comentar e valorar os publicados por outros usuarios.

    Autoedición

    Se escribiches un libro e queres publicalo, Redelibros pódeche axudar. Nesta páxina atoparás unha completa guía de edición na que che explicaremos, paso a paso, que facer para ver o teu libro publicado. Tamén atoparás aos nosos provedores recomendados para cada proceso.

    Autores Redelibros

    Nesta sección poderás coñecer de preto aos autores que pertenzen á nosa comunidade. E, se o desexas, tamén poderás adquirir algúns dos seus libros.

    • Textos
    • Autoedición
    • Autores
    • Tenda
  • Ferramentas

    Ferramentas

    As ferramentas de "opinión" permítenche dispor de espazos onde compartir a túa opinión ou coñecer a do resto dos usuarios.

    As ferramentas de "anuncios" permítenche comunicar ou informarche de eventos ou clasificados a través de Redelibros.

    As ferramentas "multimedia" permítenche compartir e visualizar fotos, vídeos e arquivos de audio co resto de redelibreiros.

    As ferramentas de "membros" permítenche atopar a outros usuarios de Redelibros ou invitar a outras persoas a formar parte da rede.

    Opinión

    • Blogs
    • Grupos
    • Enquisas

    Anuncios

    • Eventos
    • Clasificados

    Multimedia

    • Álbums
    • Vídeos
    • Audios

    Membros

    • Buscar
    • Invitar (email)
    • Importar contactos
  • Seccións

    Cadernos Redelibros

    Nesta sección atoparás artigos dos nosos colaboradores (críticos, autores, editores, expertos, etc.) que che brindarán distintas perspectivas sobre a literatura e o mundo editorial: análise de xéneros, reseñas de obras concretas, estudos sobre actualidade editorial, traballos sobre autores destacados, etc.

    Concursos

    Actividades que teñen premio. Concursos organizados polos nosos colaboradores ou polos propios usuarios para potenciar a creación literaria, audiovisual e artística. Unha sección que dá moito xogo.

    Fisgando na rede

    Unha páxina que contén a moitas: os principais focos de información cultural do país, blogs, axendas culturais, páxinas de editoriais, seccións de cultura en prensa... Ofrecémoschas sindicadas por rss, automaticamente actualizadas e reunidas para a túa comodidade.

  • Redetendas

    Páxinas

    A túa páxina personal na rede, a túa tarxeta de presentación.

    Tendas

    As tendas dos usuarios na rede. O espazo para as túas compras.

    Tenda de redepuntos

    Colaborar e participar na rede ten premio: os redepuntos, que irás acumulando coa túa actividade. Poderás cambiar gratuitamente os teus redepuntos por libros na nosa tenda.

  • Colaboradores

    Editoriais

    • Kalandraka
    • Faktoría K

    Librarías

    • Cartabón
    • Paz
    • Libros para soñar
    • Mazinger

    Entidades

    • Gálix
    • Culturgal

    O noso agradecemento

    Queremos mostrar o noso agradecemento a todas as persoas, empresas e institucións que co seu gran esforzo e participación apoiáronnos e séguennos apoiando cada día para crear un espazo galego de literatura en Internet.
    Se estás interesado en colaborar, ponte en contacto con nós.





Ana Boullón 1 article
  • All Submitter Articles
Compartir Informe

Related Articles

  • CR08. Lingua, literatura, o traxe...
    por Reigosa
  • CR27. Eu son dunha xeración de ne...
    por Mercedes Queixas Zas
  • CR11. DOUSMÁISDOUSNONSONCATRO
    por peretobaruela
  • CR17. Literatura en movemento
    por Irene Penas Murias
  • CR13. Os compromisos da tradución
    por ana luna alonso
  • Article Home Page »
  • Examinar artigos »
  • Literatura

CR39. O corrector corrixido, ou onde radica a corrección lingüística dun texto

  • Publicado por Ana Boullón
  • 04 Outubro 2011 10:27:48 CEST
  • 3 comentarios
  • 1.390 visitas

Ultimamente unha tradución miña (de Resurrección, de Lea Tobery, publicada por Xerais, 2011) foi obxecto de dúas críticas lingüísticas (pódense ver aquí  e aquí). Recoñezo que me sorprendeu a súa ferocidade ("esta obra é recomendable nos cursos de galego dos Celgas ou dos institutos para localizar, coa axuda dun profesor experto, certos erros lingüísticos moi reiterados que cómpre evitar", "na liña do mellor castelán de Madrid ou do castelgalego que nos invade", "exemplo de desleixo e falta de interese"), pero non foi ata ler as palabras do crítico Armando Requeixo, onde coas mellores intencións suxería varias explicacións para xustifica-la presunta desfeita da miña tradución, cando me decidín escribir publicamente sobre o asunto. Suxeriríalle ó amigo Armando outra posible hipótese: ¿son realmente cabais eses xuízos? Porque, realmente, o asunto de fondo suscita unha cuestión ben interesante e que afecta a tódolos produtores lingüísticos: ¿onde radica a corrección lingüística dun texto?


Consideracións lingüísticas: os límites da norma

Unha das prácticas das aulas de lingua galega consiste en facer comentarios lingüísticos de textos literarios co propósito de pór de manifesto o diferente calibre das desviacións lingüísticas con respecto á norma. En primeiro lugar, quizais cumpra recordar que a nosa norma lingüística se basea nunha prescrición ortográfica e morfolóxica. Posiblemente polo seu carácter non finito ou máis lábil, respectivamente, o corpus léxico e a descrición sintáctica quedaron fóra dela. De maneira que non se pode xulgar coa mesma contundencia aqueles aspectos que responden a distintos niveis de análise lingüística. As secuencias lingüísticas que se presentan de aquí en diante para exemplificar estas cuestións proceden en case tódolos casos das críticas vertidas na recensión citada.

No terreo do léxico, case tódolos dicionarios da lingua galega se basean no VOLGa (o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, realizado no Instituto da Lingua Galega e sancionado pola RAG), unha obra de dimensións considerables (contén ó redor de 50.000 entradas). Malia este extenso número, trátase dunha obra que nunca poderá estar completa, pois o corpus léxico vai aumentando a medida que a lingua se vai adaptando ás novas realidades lingüísticas. Ademais, sempre hai palabras que teñen existencia dialectal e aínda non están recollidas nos repertorios, razón pola cal non aparecen tampouco no VOLGa. Tal é o caso, por exemplo, de estrícula ‘mariola’ ou focha ‘trola, embuste’ (e o seu derivado fochón ‘mentireiro’), palabras restrinxidas á área do Barbanza e que non teñen presenza nos dicionarios nin nos corpora léxicos (como se pode ver no Dicionario de dicionarios –DdD-, e mais no Tesouro lexicográfico da lingua galega, TILGa). Unha maneira de conseguir que estas palabras non se perdan é incluílas na literatura. É un xeito de arrequece-lo léxico do que botan man moitos dos nosos escritores, non só os que non podían partir dunha norma léxica (por escribiren antes do último decenio do século pasado), senón tamén hoxe en día: tal fai, por exemplo, Méndez Ferrín, ou, por citar un autor dunha xeración máis nova, Anxo Angueira. Ámbolos dous comparten, amais da súa dedicación á literatura, unha sólida formación lingüística.

Por outro lado, hai palabras de determinados campos léxicos que non se documentaban na lingua galega pois, por causa da situación sociolingüística, o seu espazo fora ocupado por castelanismos. En tales casos débense habilitar novas formas, inexistentes ata o momento; e iso faise mediante diversos procedementos: tómase o termo portugués (como orzamento), créase unha nova forma (como beirarrúa), recupéranse formas medievais (concello) ou habilítanse formas dialectais (avinza). No caso do castelanismo peluquería (port. cabeleireiro, fr. coiffure, cat. perruqueria) houbo a proposta perruquería (no Dicionario de dúbidas de Fernández Salgado, en Galaxia), creado sobre perruca ‘pelo postizo’, que segue o modelo da forma catalá. Ten a vantaxe de ser uniforme coas outras formas da familia léxica (perruca, perrera, da que falaremos máis adiante). Agora ben, tense proposto tamén o composto salón de peiteado (no Dicionario castelán-galego da RAG), que ten ó seu favor o feito de ser transparente, e en contra o de ser un sintagma complexo. Calquera das dúas propostas son plausibles, e ante a ausencia dun organismo que planifique e difunda de forma efectiva as novidades terminolóxicas, non é sorprendente que concorran máis dunha solución nos usos reais. Seguramente será perrera (cast. flequillo), un dos casos controvertidos en canto ó seu uso. Nos textos literarios só aparece usada por Cunqueiro (véxase o TILGa), se ben é unha palabra con bastante vitalidade dialectal, como se pode ver no DdD. A súa ausencia dos dicionarios ten que ver, seguramente, co seu parecido coa palabra homófona do castelán e pola terminación en –era que a fan sospeitosa de castelanismo. Sería un castelanismo sorprendente, desde logo, porque ten un significado totalmente diferente. Aquí, descartada a opción de recorrer ó portugués (pois a adaptación de franjas daría lugar a unha voz semanticamente equívoca), preferimos optar por unha forma viva.

En relación co léxico está a cuestión da fraseoloxía, que ten a dificultade engadida de tratarse de expresións que pertencen ó plano máis coloquial da lingua, e por tanto moitas veces nin aparecen nos dicionarios. No caso da nosa lingua, témo-la dificultade engadida de que en ocasións hai interferencias do castelán. Pero moitas veces non podemos estar seguros de se unha expresións fraseolóxica é ou non un castelanismo, porque o calco é moi común no terreo da fraseoloxía, como se pode ver no cast. a paso de tortuga, port. a passo de tartaruga, fr. à pas de tortue, it. a passi di tartaruga, que ten como equivalente en galego a paso de boi.  ¿Poderiamos rexeitar en galego a paso de tartaruga como castelanismo? Aínda que teñamos unha forma ‘autóctona’, parece discutible rexeitar unha fórmula que existe en tódalas linguas da nosa contorna. Así o expresaba en 1991 Ernesto González Seoane (nos Cadernos de Lingua), advertindo ante o perigo de emitir xuízos categóricos nesta cuestión, bastante espiñenta. Pode ser, por tanto, un pouco atrevido anatematizar a expresión a escuras, porque, se ben é certo que ás escuras é forma de uso xeral e está recollida nos dicionarios, a primeira, segundo se pode ver no TILGa, foi empregada desde 1846 por escritores como Lamas Carvajal, Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Aquilino Iglesia Alvariño, Vicente Risco, Uxío Novoneyra ou Manuel Rivas,

Na sintaxe cómpre ter aínda máis precaución. As gramáticas adoitan dar descricións sobre a orde canónica ou non marcada das palabras. Así, con respecto á posición dos pronomes átonos, describen que o usual é a posición proclítica en condicións sintácticas de suxeito + verbo + pronome átono, de maneira que se debe dicir eu seino, e non eu o sei. Pero hai condicións pragmáticas, non sintácticas, que poden facer variar esta posición, referidas á estrutura informativa da oración. Sen ir máis lonxe, hai un traballo de Xosé Xove que se titula precisamente así: "Sobre a posición do pronome persoal átono en galego: 'eu o sei' e 'eu seino'". Por outro lado, hai determinados cuantificadores e identificadores que determinan unha posición diferente, como se explicita, por exemplo, na Gramática de Galaxia asinada por este mesmo autor e por Rosario Álvarez; así, no caso dos numerais cardinais precedidos por artigo a posición habitual é que o suxeito vaia detrás: “levárono á forza tres homes”, fronte á marcada “tres homes o levaron”, construción semellante a “as catro se botaron enriba miña”, ou “entre os dous paramédicos me subiron a unha padiola”.

O uso dos pronomes che e te é outra cuestión que, polo que se ve, pode resultar controvertida. Novamente a descrición gramatical é meridiana: te é complemento directo e che, indirecto. Pero, como adoito, a realidade é máis complexa do que aparenta esa distribución simplista e, como se di na devandita Gramática, “a liña divisoria entre dat. e acu. non sempre é nidia”. Só me vou referir aquí a un caso particular que aparece na tradución. Nalgúns verbos, a elección entre acusativo e dativo comporta diferenza de significado. Desde a Gramática de Galaxia de 1986 está descrito o uso co verbo querer: “Cando significa ‘desexar, querer posuír’ (lat. volo), leva un acusativo complemento directo que se refire a cousas ou a persoas cousificadas …; mais cando significa ‘amar, ter afecto a algo ou a alguén’ (lat. amo) constrúese con dativo e con preposición se o complemento é nominal”. Este uso pode non ser xeral en toda a poboación que distingue entre te/che (acusativo/dativo), pero é a miña opción, por ser correcto e por se-lo que máis se asemella ó meu uso persoal.

Por outro lado, é ben sabido que outra razón da alteración desa distribución canónica é dialectal: nunha pequena zona de Galicia utilízase o pronome che como complemento directo, o que leva o nome de cheísmo (véxase o mapa 153 do volume II do Atlas Lingüístico Galego). É un dialectalismo inaceptable no estándar, no que eu incorrín, mea culpa, en “Boteiche moito de menos”. Absólvame o crítico do pecado orixinal de nacer na Pobra do Caramiñal, pois fago o firme propósito de emendalo nas sucesivas edicións do libro (non o lugar do meu nacemento, senón ese uso dialectal de che). En calquera caso, esta desviación do estándar non é a práctica xeral no libro, e, desde logo, non se pode achacar á influencia do castelán.

Un tópico máis dos que adoitamos describir na aula é o complemento directo con preposición a. Sabido é que en galego o complemento directo non pode levar preposición cando ten o trazo /– humano/, de maneira que a única construción correcta é vin o can, por caso. Agora ben, se o complemento directo presenta o trazo /+ humano/, pode levar preposición para evita-la ambigüidade entre o suxeito e o complemento directo, e aínda máis no caso do verbo chamar, dado que o suxeito adoita estar situado despois do verbo: en chamou o amigo da túa profesora, a primeira interpretación é considerar “o amigo” como suxeito; a única maneira de entender que é o CD é con preposición: chamou ó amigo da túa profesora. Estas son precisamente as construcións que se refiren: chamou á policía (páx. 243), chamar ás enfermeiras (páx. 69). Aquí sería interesante subliñar que en galego existen moitas construcións que rexen preposición distinta, e por tanto non se poden considerar como complementos directos: mirar para, buscar por, chamar por, tirar con… O que si se podería considerar un castelanismo indirecto sería utilizar sempre as construcións paralelas ó castelán.

Outra cuestións interesante é o das chamadas reflexivas indirectas. Creo que tódolos docentes en lingua galega estamos afeitos a advertir sobre estas estruturas, que na súa maior parte son calcos do castelán: non se pode dicir *o home lavouse as mans ou *fíxose un traxe novo porque o pronome non pode aparecer como índice dun complemento indirecto referencialmente idéntico ó suxeito. En galego interprétase esa identidade por defecto: se non aparece pronome, o destinatario coincide co suxeito; se non é así, o pronome debe aparecer (lavoulle as mans, fíxonos un traxe). Pero hai algúns contextos en que, por factores pragmáticos, se non aparece o clítico reflexivo marcando a identidade referencial do destinatario co suxeito, entenderíase que ese destinatario é outro distinto daquel; véxase en o médico diagnosticouse unha hepatite (a si mesmo), o xastre fíxose un traxe novo para a voda do fillo. Nestes casos, a presenza de se índice de complemento indirecto xustifícase, a título de excepción, pola necesidade de marcar de xeito inequívoco que o destinatario é o mesmo có axente. Non son palabras nin exemplos meus, senón de Francisco Cidrás nun artigo publicado xa en 1991. Son construcións paralelas a inxecteime a insulina, citada na devandita recensión. Outro dos casos que o crítico condena, mireime para a man, non ten nada que ver co anterior, porque para a man non é, obviamente, un complemento directo e, por tanto, non hai ningunha obxección sintáctica á hora de emprega-lo pronome.

Estas mostras dan fe abonda de que a lingua non pode ser medida a partir de esquemas ríxidos, senón que cómpre coñecer moi ben os feitos e os condicionantes lingüísticos antes de desbotar como incorrectas construcións que están xustificadas polos seus condicionamentos sintácticos ou pragmáticos.

En definitiva, a valoración lingüística dunha obra non se pode facer a partir da aplicación restritiva dun molde lingüístico, sexa léxico, morfosintáctico ou doutra índole. Que unha palabra non apareza no VOLGa, ou unha construción non estea descrita nos usos canónicos máis usuais, ou se use unha construción dialectal, non abonda para facer unha avaliación destrutiva da calidade lingüística dunha obra. E con isto non quero xustificar ningún tipo de relativismo lingüístico, o “todo vale”. Paréceme que todos aqueles que participamos na elaboración de produtos lingüísticos (sexan obras literarias, traducións ou traballos científicos) estamos implicados na normalización da lingua galega e, por tanto, coñecémo-la importancia fundamental que ten a existencia dun estándar. Por iso mesmo, a todos nos é bo coñece-las posibles deficiencias lingüísticas que as nosas obras poidan presentar, pois ninguén está libre de erros; nese sentido, hai persoas que debían dedicarse profesionalmente a correctores para editoriais, pois teñen moita habilidade para detectar tódalas desviacións da norma, pero isto non significa automaticamente que a teñan tamén para avalialas. Para decidir se unha obra é valiosa desde o punto de vista lingüístico ou non hai que ter en conta, ademais, outros aspectos, entre os que se poden mencionar a riqueza e variedade léxica (o que inclúe a fraseoloxía), a adecuación ó rexistro ou o uso de recursos sintácticos propios (por caso, o dos infinitivos conxugados, ou determinados réximes verbais e perífrases).



Aspectos específicos de tradución

No caso das traducións, a lingua está obviamente condicionada polo orixinal, aínda que sempre hai unha certa marxe de creatividade. Gustaríame comentar algúns dos aspectos concretos que requiriron un especial esforzo e que si esperaría ver comentados desde o punto de vista lingüístico. En Resurrección resultoume especialmente complicado reproduci-lo discurso dos adolescentes de xeito que resultase natural e crible, dado o grao de interferencias do castelán na lingua real. Podo citar tamén a tradución dun poema de Emily Dickinson que se encontra inserido na novela e que en certa maneira forma parte da trama. A linguaxe da poeta norteamericana, malia a súa aparente sinxeleza (ausencia de rima e de metro), está inzado de dificultades, porque se adoita axustar a un modelo rítmico moi preciso (o dos himnos relixiosos), ten un peculiarísimo sistema de puntuación (apenas só usa guións), e o uso das palabras está moi coidadosamente seleccionado, abundando na plurisignificación e nas múltiples interpretacións.

Existe outro aspecto que pode resultar discutible nas traducións: é o grao de intervención do tradutor no texto orixinal. Álvaro Cunqueiro utilizaba o termo anosar para referirse á apropiación por parte do galego das palabras estranxeiras:

“Son donos de Elsinor, e reinan dende fai moitos séculos en Dinamarca, nos días dista peza , uns que chaman os Hardrada, apelido que se anosa decindo «pelo roxo»” (d’O incerto señor don Hamlet).

Este neoloxismo veuse utilizando para referirse ás traducións para o galego, indicando de forma transparente que ó traducir ‘anosamos’ a literatura foránea. Hai moitos procedementos, e variados, para conseguir isto. Eu utilicei unha licenza neste libro: introducín un verso de Bernardino Graña no texto que evidentemente non existía no orixinal. Hai un momento en que a protagonista se interroga, desesperada por non conseguir atopar a quen ela cre que é o amor da súa vida, doente de saudade. É daquela cando está inserido ese verso: “¿Como hei vivir mañá sen a luz súa?”. Non é habitual que os tradutores teñan a posibilidade de consultar este tipo de intervencións cos seus autores, pero eu si puiden facelo e obte-la súa aprobación (de moi bo grao, por certo), o cal, ó meu xuízo, lexitima esta licenza.

Ben, velaquí algunhas das cuestións, para o meu ver importantes, que cómpre ter en conta á hora de valorar un texto desde o punto de vista lingüístico. Ningunha delas foron comentadas, nin o devandito exemplo de intertextualidade detectado. De todas formas, como unha das conclusións de todo isto, considero estimulante que se preste atención ás características lingüísticas dos textos, pois así todos aprendemos e significa que a calidade lingüística importa. Pero débese facer partindo non desde a descualificación groseira, que desalenta os usuarios, senón desde unha óptica construtiva que realmente axude a ir formando entre todos un modelo lingüístico depurado, enxebre e enriquecedor.


Resurrección: apuntamento sobre a novela

Por último, quero tamén facer un comentario sobre a cualificación literaria feita a esta novela. É obvio que disinto con estes críticos, pois non traduciría unha obra que non apreciase desde ese punto de vista, pero non se trata aquí de defendela diante de valoracións que poden ser máis ou menos subxectivas (non sei, por exemplo, por que son reprochables os “capítulos curtos ateigados de acción”). O que si quero é rebater un argumento dado: “esta tradución nada lle engade a nosa literatura”. Ó dicir que “só lle vexo o mérito de que poida atraer cara á lectura os rapaces e rapazas que seguen estas series de televisión” (o que, por outro lado, non me parece pouco mérito), albíscase un certo prexuízo contra a literatura chamada para adolescentes. Penso que neste tipo de valoracións agóchase un certo compoñente elitista que, desde logo, está moi lonxe da nosa tradición. Xa a primeiros do século XX os homes de Nós e das Irmandades da Fala eran conscientes da necesidade de que o galego escrito entrase en tódolos fogares de Galicia. De aí as coleccións Céltiga e Lar, que naceron cunha pretensión fundamentalmente divulgativa, sen renunciar, naturalmente, á calidade literaria. Dicir que as editoriais entenden o seu labor "tamén como un proceso produtivo sometido aos ditados do mercado" significa, entre outras cousas, ignorar un sector da poboación importante, que quizais é refractario ó consumo do galego escrito precisamente por non atopar produtos que o satisfagan. A nosa literatura necesita todo tipo de oferta, chegar a toda a xente, estar presente na sociedade e ser plural coma ela. Posiblemente a consideración de que esta é unha novela destinada ó consumo feminino motiva eses comentarios despectivos.

Pero, aínda que haxa persoas que poidan pensar que esta novela é un produto deseñado para un nicho de mercado (como se iso, por outra parte, tivese necesariamente repercusión negativa na calidade literaria dunha obra), nela hai algo máis: nárrase o descubrimento persoal dunha adolescente a partir dun problema físico, un episodio de morte aparente, o que antes se chamaba catalepsia. Tódalas cousas supostamente paranormais que vai atopando no seu camiño vana levando cara ó encontro consigo mesma, se ben é certo que nunha lectura superficial se poida quedar na literalidade dos sucesos. O seu mundo, aínda que se desenvolva nos Estados Unidos, é o mesmo mundo urbano das nosas adolescentes: a globalización significa tamén iso, que calquera persoa nova se pode recoñecer nos modos de vida doutra que vive a miles de quilómetros. Gústenos ou non, é así. E a literatura galega (ou a literatura en galego) ten que recoller naturalmente esta realidade, como o fan todas. Afirmar que "estes produtos importados ... nada achegan á nosa cultura. Son o que é o parvo Haloween [sic] ao noso Entroido ou Samaín" é un pouco absurdo: pór en valor as nosas tradicións propias non significa despreza-las alleas; e, de feito, é posible que a reivindicación do Samaín nos últimos tempos sexa consecuencia da invasión do Halloween (así correctamente escrito) por parte da imaxinería estadounidense, tradición coa que, en última instancia, comparte orixe.

E agora si, o consello derradeiro ós críticos: hai algo que se chama spoiler e que se aplica normalmente ó cine, pero que tamén se debe ter en conta na literatura. Un bo crítico debe poder facer ben o seu labor sen anticiparlle a un posible lector o que vai acontecer na novela –cousa que, lamentablemente, fai o autor dunha das recensións-, aínda que o seu propósito sexa desalentalo desde o principio á fin para que non o faga.


Ana Isabel Boullón Agrelo. Profesora na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, a súa investigación céntrase nos ámbitos da onomástica (especialmente a antroponimia), a edición de textos e a lexicografía. Ten participado en numerosos congresos internacionais, dalgúns dos cales formou parte do comité organizador e científico e publicou as actas respectivas. Tamén ten publicacións en volumes colectivos e en revistas de investigación (como Onoma, Verba, Revista Galega de Filoloxía, Cadernos de Lingua, Onomastica Canadiana e outras). Como tradutora, amais de traballar en textos técnicos, ten feito traducións literarias do inglés, do castelán e do catalán. 


© Ana Isabel Boullón Agrelo - © Desta edición: Cadernos Redelibros, ISSN 2173-1977 - Vigo, outubro de 2011. Reservados todos os dereitos.

  • Tags:
  • #lingua
  • #tradución
  • #corrector
  • #corrección
  • #lingüística
  • #norma

  • Comentarios
  • Fotos(2)
3 comentarios
  • A 4 persoas gústalles
  • César Lorenzo Gil
    César Lorenzo Gil Son un grande admirador do teu traballo como especialista en Onomástica pero a maioría das explicacións que dás para xustificar a tradución parécenme moi febles, dito isto con todo o respecto profesional. Iso si, tamén detesto a crítica literaria que se c...  máisSon un grande admirador do teu traballo como especialista en Onomástica pero a maioría das explicacións que dás para xustificar a tradución parécenme moi febles, dito isto con todo o respecto profesional. Iso si, tamén detesto a crítica literaria que se converte en corrección lingüística. Iso resólvese cunha liña e punto. Os dous críticos dos que enlazas reseña apenas falan de literatura: técnica, personaxes, tempo da narración...  
    04 Outubro 2011 - A 1 le gusta esto
  • Pepe Abelenda
    Pepe Abelenda Muy divertido! En lo estrictamente concerniente a mi persona, altamente desasnante. Ví los dos textos "críticos": uno no hubiera merecido respuesta: barroco provinciano. Si yo fuera Alighieri o Góngora, mandarlle iría ao carallo. Y hubiera tomad...  máisMuy divertido! En lo estrictamente concerniente a mi persona, altamente desasnante. Ví los dos textos "críticos": uno no hubiera merecido respuesta: barroco provinciano. Si yo fuera Alighieri o Góngora, mandarlle iría ao carallo. Y hubiera tomado como un gran elogio, incluso un honor, el comentario de "llevar el texto al aula" para ver las cosas que "compre evitar". La lengua "normal", en su aspecto más "de fondo"... (hoy estoy como Fermat, no cabe... :-)  
    21 Outubro 2011
  • irma
    irma O QUID DA POLÉMICA ERA:
    "Usa de xeito castelanista a preposición a na perífrase de ir + infinitivo: Díxenlles que ía…a recoller… (páx. 157 ). Non fai a distinción normativa entre llo/llo e llelo/llelos: Oculteillo porque non quería que se preocupasen… (páx. 157). O mesmo acontece co uso de lle no canto de lles: Non lle dixen nada (a elas; páx. 157); ); pregunteille a meus pais…. (páx. 80). Incorre no cheísmo nun texto en que non ten cabida o dialectalismo: Boteiche moito de menos (páx. 176)"
    Fonte: http://bouvard.blogaliza.org/2011/06/22/novela-telefilme/#comments
    Comentario ao post de A. Requeixo
    "Debo confesarv...  máis
    O QUID DA POLÉMICA ERA:
    "Usa de xeito castelanista a preposición a na perífrase de ir + infinitivo: Díxenlles que ía…a recoller… (páx. 157 ). Non fai a distinción normativa entre llo/llo e llelo/llelos: Oculteillo porque non quería que se preocupasen… (páx. 157). O mesmo acontece co uso de lle no canto de lles: Non lle dixen nada (a elas; páx. 157); ); pregunteille a meus pais…. (páx. 80). Incorre no cheísmo nun texto en que non ten cabida o dialectalismo: Boteiche moito de menos (páx. 176)"
    Fonte: http://bouvard.blogaliza.org/2011/06/22/novela-telefilme/#comments
    Comentario ao post de A. Requeixo
    "Debo confesarvos a ambos os dous que, logo da lectura da obra, quedei francamente impresionado, pois o que sinalades é incontestable e non hai máis que abrir o libro para facer a comprobación.
    Mais quería agora introducir un novo elemento no diálogo. Veredes: tiven a sorte de traballar un tempo como compañeiro da tradutora, a profesora Ana Boullón, no Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de ...    menos
    18 Agosto 2012
  • Ver imaxes

Redelibros

  • Blog
  • Preguntas
  • Soporte
  • Enlázanos

Libros e textos

  • Libros
  • Textos
  • Tenda
  • Autores
  • Autopublicación

Opinión

  • Blogs
  • Grupos
  • Enquisas

Anuncios

  • Eventos
  • Anuncios

Multimedia

  • Audio
  • Vídeo
  • Álbums

Membros

  • Buscar
  • Invitar
  • Importar contactos

Seccións

  • Cadernos Redelibros
  • Tenda de redepuntos
  • Concursos
  • Fisgando na rede
Copyright ©2013  -  Privacidade  -  Condicións de servizo  -  Contacto  -  Mobile Site  -  Quen somos  -  RSS  - 
Deseño gráfico: Manu e Marga - Hosting: jaboweb.com
Share