• Entrar
  • Rexistrarse
  •  
Redelibros, a rede social galega do libro, un espazo para a literatura e un punto de encontro en Galicia para lectores, editoriais, librerías, autores...
A rede social galega do libro
Mega Menu Drop Down - Columns
  • Inicio

    Coñécenos

    • Quen somos
    • Preguntas
    • Blog
    • Soporte
    • Contacto

    Enlázanos

    Se che gusta Redelibros e queres axudarnos a medrar, engade un banner na túa web ou blog.

    • Enlázanos

    Síguenos na rede

  • Libros

    Base de datos bibliográfica

    Redelibros alberga unha base de datos de máis dun millón de fichas de libros. Entre eles podes atopar dende as últimas novidades ata libros descatalogados ou noutros idiomas. Atendendo á nosa filosofía de espazo común, esta base de datos está aberta para que poda ser consultada por todo o mundo, sen necesidade de rexistro previo, e facer todo tipo de procuras e seleccións dende o buscador.

    Como usuario rexistrado, ademais poderás valorar cun sistema de estrelas ou escribir os teus comentarios. Ambos poden consultarse na ficha de cada libro.

    Coa vosa axuda queremos conseguir que a base de datos sexa o máis completa posible. Se non atopas algún libro, e queres engadilo, podes usar este formulario. Se botas en falta calquera dato relevante, ou atopas algún equivocado, podes editar a ficha do libro usando a opción “Editar detalles do libro”

  • Autores

    Textos

    Neste apartado poderás compartir textos (poemas, relatos, novelas ou o que sexa), escritos por ti ou por terceiros, que creas poidan ser de interese para o resto dos membros. Obviamente, tamén poderás ler, comentar e valorar os publicados por outros usuarios.

    Autoedición

    Se escribiches un libro e queres publicalo, Redelibros pódeche axudar. Nesta páxina atoparás unha completa guía de edición na que che explicaremos, paso a paso, que facer para ver o teu libro publicado. Tamén atoparás aos nosos provedores recomendados para cada proceso.

    Autores Redelibros

    Nesta sección poderás coñecer de preto aos autores que pertenzen á nosa comunidade. E, se o desexas, tamén poderás adquirir algúns dos seus libros.

    • Textos
    • Autoedición
    • Autores
    • Tenda
  • Ferramentas

    Ferramentas

    As ferramentas de "opinión" permítenche dispor de espazos onde compartir a túa opinión ou coñecer a do resto dos usuarios.

    As ferramentas de "anuncios" permítenche comunicar ou informarche de eventos ou clasificados a través de Redelibros.

    As ferramentas "multimedia" permítenche compartir e visualizar fotos, vídeos e arquivos de audio co resto de redelibreiros.

    As ferramentas de "membros" permítenche atopar a outros usuarios de Redelibros ou invitar a outras persoas a formar parte da rede.

    Opinión

    • Blogs
    • Grupos
    • Enquisas

    Anuncios

    • Eventos
    • Clasificados

    Multimedia

    • Álbums
    • Vídeos
    • Audios

    Membros

    • Buscar
    • Invitar (email)
    • Importar contactos
  • Seccións

    Cadernos Redelibros

    Nesta sección atoparás artigos dos nosos colaboradores (críticos, autores, editores, expertos, etc.) que che brindarán distintas perspectivas sobre a literatura e o mundo editorial: análise de xéneros, reseñas de obras concretas, estudos sobre actualidade editorial, traballos sobre autores destacados, etc.

    Concursos

    Actividades que teñen premio. Concursos organizados polos nosos colaboradores ou polos propios usuarios para potenciar a creación literaria, audiovisual e artística. Unha sección que dá moito xogo.

    Fisgando na rede

    Unha páxina que contén a moitas: os principais focos de información cultural do país, blogs, axendas culturais, páxinas de editoriais, seccións de cultura en prensa... Ofrecémoschas sindicadas por rss, automaticamente actualizadas e reunidas para a túa comodidade.

  • Redetendas

    Páxinas

    A túa páxina personal na rede, a túa tarxeta de presentación.

    Tendas

    As tendas dos usuarios na rede. O espazo para as túas compras.

    Tenda de redepuntos

    Colaborar e participar na rede ten premio: os redepuntos, que irás acumulando coa túa actividade. Poderás cambiar gratuitamente os teus redepuntos por libros na nosa tenda.

  • Colaboradores

    Editoriais

    • Kalandraka
    • Faktoría K

    Librarías

    • Cartabón
    • Paz
    • Libros para soñar
    • Mazinger

    Entidades

    • Gálix
    • Culturgal

    O noso agradecemento

    Queremos mostrar o noso agradecemento a todas as persoas, empresas e institucións que co seu gran esforzo e participación apoiáronnos e séguennos apoiando cada día para crear un espazo galego de literatura en Internet.
    Se estás interesado en colaborar, ponte en contacto con nós.



Xosé Monteagudo 1 article
  • All Submitter Articles
Compartir Informe

Related Articles

  • CR38. A literatura como fornecedo...
    por Héctor Carré
  • CR09. Os libros e o seu traizoeir...
    por marilar Aleixandre
  • CR34. Rosalía e Juana
    por ccs corral soilan
  • CR28. Ensaio galego para tempos a...
    por Dolores Vilavedra
  • CR21. Por que non son un autor
    por reimondez
  • Article Home Page »
  • Examinar artigos »
  • Literatura

CR33. Por que me fixen lector

  • Publicado por Xosé Monteagudo
  • 11 Xullo 2011 15:45:50 CEST
  • 1 comentario
  • 1.157 visitas

Que otros se jacten de las páginas que han escrito, a mí me enorgullecen las que he leído. Jorge Luis Borges. 

 

Moitas veces, en encontros con lectores ou nalgunha entrevista, téñenme preguntado por que escribo. A resposta que dou nesas ocasións trata sempre de axustarse á verdade sen repetir as palabras que antes deron outros escritores. Porque no fondo, creo que a maioría dos que dedicamos tempo e enerxías á tarefa de escribir facémolo por unhas razóns máis ou menos parecidas que teñen que ver todas elas co propio desexo irreprimible de escribir. O que en cambio ninguén me preguntou nunca é por que leo. E non obstante, creo que a resposta que eu podía dar a esa pregunta é bastante máis interesante ca a que dou á outra.

Ata os trece anos non lin unha novela nin un libro de poesía, nin sequera un relato. No fogar onde nacín non había exemplares desa clase e o primeiro recordo que teño dun libro foi a lectura dun vello tratado de Historia Antiga que entrara na casa cando algún mestre da escola que había na aldea acordara desfacerse del. No colexio público de Moraña onde estudaba, nos anos setenta aínda non existía o costume nin entraba dentro das normas pedagóxicas nin dos programas de ensino que os mestres lle recomendasen aos alumnos a lectura de contos, novelas ou poesías. Así é que pasei toda a miña infancia sen esa experiencia. Con todo o que supuxo despois, cos anos que transcorreron desde que podo dispoñer de libros a eito sen que deixe pasar en ningunha circunstancia máis de dous ou tres días seguidos sen abrir un deles, pregúntome ás veces como puiden sobrevivir daquela tanto tempo sen lecturas. Pero foi así. E para explicalo só podo pensar que quen non coñece unha experiencia nin ten ao seu alcance os medios para saber dela dificilmente pode botala en falta.

O primeiro libro que lin recomendáronmo coma unha actividade obrigatoria na materia de Lingua española. Eu tiña trece anos e marchara a estudar a un colexio en Marín. A novela que debía ler era La gaviota, de Fernán Caballero. O grande interese co que a lin daquela só o podo entender agora en razón da necesidade que sen eu ser consciente o meu corpo tiña de satisfacer esa carencia, coma a persoa famenta que converte nun manxar o primeiro alimento que lle chega á boca, por cativo que sexa. Só así podo comprender igualmente o interese co que lin algúns dos libros que durante aquela primeira parte da miña adolescencia nos recomendaban no colexio.

Con todo, foi tamén nesa época cando tiven un profesor que ao tempo que encamiñaba os meus gustos literarios, espertou definitivamente en min o interese pola lectura. Primitivo Simón. Un cura que nas súas clases de Lingua española, alén de obrigarnos a estudar a historia dos autores clásicos en castelán, facíanos convivir coas obras deses autores dun xeito vívido, participativo. Líanos fragmentos das obras que trataba na clase, axudábanos a analizalos, falábanos da vida dos seus autores, propoñíanos escribir relatos a partir das lecturas… E non só cos autores en castelán. Tiñamos daquela tamén un libro de lectura que era complemento do que debiamos estudar para a materia, e no cal aparecían os fragmentos escolleitos dunha serie de grandes autores da literatura universal. O que representou para min ese libro neste orde de cousas supuxo unha gran virtude e un pequeno defecto. A virtude foi que me permitiu escoller, fiado nel, libros e escritores dun valor literario indiscutible, converténdose no primeiro e máis persistente criterio de escolla que tiven para elixir os libros que desexaba ler pola miña conta. O defecto foi que durante aquel tempo os escritores que non aparecían nese libro tampouco entraban a formar parte das miñas apetencias e escollas. Iso provocou por exemplo, que lese nesa época a Dostoievski, pero que en cambio non lese nada de Tolstoi ata varios anos despois. Ou que lese axiña os relatos completos de Poe, pero nada de Conrad ou de Henry James.

Condicionado nas escollas por ese libro de lectura, non dei o salto a outros libros e autores ata algún tempo despois. O momento vén sinalado nítidamente nas miñas lembranzas por unha novela á que se tiña referido na clase o profesor Simón, aínda que o seu autor non fose daquela máis ca unha breve referencia no texto da materia. Con todo, o telegráfico resumo argumental que facía o manual espertou a miña curiosidade e un caloroso venres de maio, cando volvía para a casa a pasar a fin de semana, parei en Pontevedra e entrei nun quiosco de prensa a mercar un exemplar daquel libro, que acababa de saír xustamente nunha colección de quiosco. Reserveino coma unha especie de agasallo privado ata que rematase o curso e o primeiro que fixen ese verán foi procurarme o meu particular lugar de lectura na casa de Moraña.

Meu pai traía de cando en vez algúns sacos baleiros, dos que quedaban como refugallo para o lixo na empresa química na que traballaba. Eran uns sacos enormes, cadrados, dun material plástico semellante a un estame de feltro, que unha vez descosidos polas costuras convertíanse nunha gran lona con forma rectangular. Para transformar o rectángulo nunha hamaca colgante, nun coi, como lle chamamos na casa, só había que atar ben preto os dous extremos con dúas cordas e anoar esas cordas ao tronco de cadansúa árbore na eira. As árbores escollidas foron unha ameixeira no lado dos pés e unha cerdeira no lado da cabeza, mentres que a sombra central sobre a hamaca a proporcionaban as follas dunha figueria ben frondosa. Ese foi o meu paraíso lector da adolescencia.

 



Alí, nas tardes de verán tiveron lugar as mellores lecturas da miña vida, que inaugurou precisamente a novela que eu mercara aquela tarde de maio. Comecei a lela coa expectativa do interese que en min suscitara a sumaria referencia que facía a ela o manual que estudara no curso anterior. Pero axiña comprendín que a atracción que me provocaba a historia que estaba lendo era moi superior á miña previsión. Durante dous días, os meus ollos rexistraron cada frase, cada palabra, coa gorentosa ledicia de quen está descubrindo unha realidade nova e enfeitizante da que non quere perder nada. Cando rematei a historia, os seus personaxes, as rúas, o colexio, as prazas e as praias onde se desenvolvía, formaban parte da miña memoria case que coa mesma intensidade ca se vivira alí durante longos anos e mantivese unha relación de carne e óso con todos aqueles seres de papel. La ciudad y los perros, de Vargas Llosa, foi a novela que me descubriu o mundo da narrativa contemporánea. O exemplar aquel, que co tempo volvín ler outras dúas veces, adquiriu para min tal valor fetichista que quince anos máis tarde, cando tiven ocasión de asistir como alumno a un curso sobre técnicas da novela que impartíu Vargas Llosa na UIMP, non tiven ningún reparo en pedirlle que mo dedicase, malia que na capa do exemplar xa se borraran por completo as letras que indicaban o título e o autor.

Outro pequeno acontecemento que se produciu nesa época no meu entorno inmediato en conexión coa afección lectora foi a apertura da biblioteca pública de Moraña. Aínda que coma case todas as cousas que me sucedían daquela no tocante aos libros, a realidade parecía especialmente empeñada en poñer atrancos a colmar as miñas apetencias. No caso da biblioteca pública de Moraña, o pequeno atranco consistiu en que o seu horario de apertura ao público estaba limitado de cinco a seis da tarde, de luns a venres. Como eu estaba interno nun colexio situado a trinta e cinco quilómetros e o meu regreso á casa para pasar a fin de semana tiña lugar o venres despois das oito da tarde, o uso que podía facer da biblioteca reducíase unicamente aos dous meses do verán.

Por contraste, a privación do resto do ano provocaba que a satisfacción que obtiña neses meses fose quizais máis intensa. Un día por semana, xeralmente os xoves, despois do xantar eu baixaba camiñando os dous quilómetros que separaban a casa de meus pais da biblioteca, unha casiña dun só andar que era todo el unha sala rectangular na que estaban as estanterías ateigadas de libros, aliñadas contra as paredes. Case sempre era eu o primeiro usuario en chegar ante a porta e tiña que esperar á sombra dun piñeiro a que ás cinco en punto aparecese o seiscentos de cor gris no que viña o encargado da biblioteca, un mestre xubilado, alto e moi fraco. Entraba eu xunto coa ducia de rapaces que ían cambiar os seus exemplares e durante un bo anaco, pendente sempre do reloxo, dedicábame a examinar os anaqueis na procura dos tres ou catro títulos que máis me atraesen. Moitas veces, á saída da biblioteca, nunhas toxeiras polas que tiña que pasar de regreso á casa detíñame, ansioso, a botarlle unha primeira ollada aos libros que acababa de recoller.  

Con todo, era na hamaca da eira onde atopaba eu o espazo propicio para lelos. Había días nos que lía pola mañá, pero as horas que máis identifico co pracer da lectura son as da tarde, que transcorrían desde as catro ata as oito ou as nove. Todo semellaba contribuír daquela a que a experiencia fose perfecta: a clara luz do verán, a fresca sombra da figueira e o silencio circundante. Nese ámbito lin os mellores libros da miña vida. Dalgúns deles esquecín case todo, non sendo o título e o autor. Outros deixaron en min unha fonda pegada que persiste a través do tempo coma unha das mellores lembranzas da miña mocidade. Entre estes, podo recordar agora Rayuela, o Canto General, Las ilusiones perdidas, A esmorga, La guerra del fin del mundo, Fortunata y Jacinta, A cartuxa de Parma, Pequeños equívocos sin importancia, Memorias dun neno labrego, Sobre héroes y tumbas, Sartoris, Ficciones e tantos e tantos outros.

Por suposto que despois houbo na miña vida outros lugares e momentos nos que tamén gocei do pracer da lectura con libros que supuxeron para min fermosas experiencias. Podería recordar os días en Compostela, cando ía co meu amigo Xulio á librería Follas Novas a fozar entre os exemplares, na procura de títulos atraentres que logo lía nas tardes e noites do meu piso de estudante. Ou os que descubrín máis tarde, ata hoxe mesmo, grazas a recensións merecidamente entusiastas ou a recomendacións sinceras de amigos e compañeiros. Pero case sempre sigo tendo a impresión diante de cada libro que empezo a ler que o que estou buscando secretamente é unha experiencia que me devolva a aqueles felices días das lecturas da adolescencia e a primeira mocidade no coi da eira de Moraña cando todo estaba por descubrir e a ilusión era o aire que eu respiraba acotío.

Recentemente, tiven a ocasión de ler un texto que ratificaba ao tempo que explicaba esta sensación que eu sempre tiven. Trátase dun libro de Marcel Proust titulado Sobre a lectura, e acaba de publicarse en traducción e edición de Carlos Lema na editorial Trifolium. Nese breve texto, a teoría que expón Marcel Proust, ao fío do relato que fai sobre as súas lecturas da nenez, é que a lectura dun libro se enchoupa dos lugares onde se fixo, de xeito que texto e lugar da lectura xa resultan inseparables para cada lector. Creo que é unha teoría moi atinada. No ronsel que traza, a experiencia particular de cada lector pode valer para escribir un fermoso relato da lectura. O convite queda feito, pois, para quen queira aproveitalo.       



 

Xosé Monteagudo (Moraña, 1965) é licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e traballa actualmente como técnico de Facenda na Axencia Tributaria. Desde moi novo é un lector apaixonado de todo tipo de literatura. Escribe desde a adolescencia, pero só decidiu publicar a unha idade relativamente tardía. No ano 2001 recibiu un accesit no premio Modesto Rodríguez Figueiredo por un relato titulado O engado do triángulo. Ao ano seguinte obtivo o premio Blanco Amor coa súa primeira novela, titulada As voces da noticia. No ano 2006 publicou a novela Esta historia. Coa súa terceira novela, Un tipo listo, conseguiu por unanimidade o premio García Barros no 2009 e foi finalista do premio Frei Martín Sarmiento no 2011. Ademais do seu labor como creador, tamén imparte obradoiros literarios sobre narrativa e exerce a crítica literaria na revista GRIAL.


© Xosé Monteagudo - © Desta edición: Cadernos Redelibros, ISSN 2173-1977 - Vigo, xullo de 2011. Reservados todos os dereitos.

  • Tags:
  • #literatura
  • #galicia
  • #Gálix
  • #iniciación
  • #primeras lecturas
  • #lector

  • Comentarios
  • Fotos(1)
1 comentario
  • A 13 persoas gústalles
  • RuAn
    RuAn Para min ler foi unha cousa natural. Meu pai era un ávido lector de xornais e na miña casa dende sempre existiu unha ampla biblioteca, a súa amplitude non lle daba a calidade de boa. Máis ben era un conxunto de novelas e libriños refuxados doutras casas. ...  máisPara min ler foi unha cousa natural. Meu pai era un ávido lector de xornais e na miña casa dende sempre existiu unha ampla biblioteca, a súa amplitude non lle daba a calidade de boa. Máis ben era un conxunto de novelas e libriños refuxados doutras casas. Pero sempre existen tesouros agochados e, como xa dixen por algures, unha antiga edición de "El maravilloso viaje de Nils Holgersson" abriume os ollos a un mundo máis aló dos vaqueiros que mataban a sete pistoleiros dun tiro. Tamén por parte dun tío que vivía en Ceuta recibía miña dose de lectura para o verano, cando chegaba con caixas de Banda deseñada. Ler, hoxe por hoxe, é para min un pracer. Na miña infancia foi un xeito máis de pasalo ben...Por que mira que o pasei ben de cativo. Apertas.  menos
    09 Marzo 2012 - A 2 gústalles isto
  • Ver imaxes

Redelibros

  • Blog
  • Preguntas
  • Soporte
  • Enlázanos

Libros e textos

  • Libros
  • Textos
  • Tenda
  • Autores
  • Autopublicación

Opinión

  • Blogs
  • Grupos
  • Enquisas

Anuncios

  • Eventos
  • Anuncios

Multimedia

  • Audio
  • Vídeo
  • Álbums

Membros

  • Buscar
  • Invitar
  • Importar contactos

Seccións

  • Cadernos Redelibros
  • Tenda de redepuntos
  • Concursos
  • Fisgando na rede
Copyright ©2013  -  Privacidade  -  Condicións de servizo  -  Contacto  -  Mobile Site  -  Quen somos  -  RSS  - 
Deseño gráfico: Manu e Marga - Hosting: jaboweb.com
Share