• Entrar
  • Rexistrarse
  •  
Redelibros, a rede social galega do libro, un espazo para a literatura e un punto de encontro en Galicia para lectores, editoriais, librerías, autores...
A rede social galega do libro
Mega Menu Drop Down - Columns
  • Inicio

    Coñécenos

    • Quen somos
    • Preguntas
    • Blog
    • Soporte
    • Contacto

    Enlázanos

    Se che gusta Redelibros e queres axudarnos a medrar, engade un banner na túa web ou blog.

    • Enlázanos

    Síguenos na rede

  • Libros

    Base de datos bibliográfica

    Redelibros alberga unha base de datos de máis dun millón de fichas de libros. Entre eles podes atopar dende as últimas novidades ata libros descatalogados ou noutros idiomas. Atendendo á nosa filosofía de espazo común, esta base de datos está aberta para que poda ser consultada por todo o mundo, sen necesidade de rexistro previo, e facer todo tipo de procuras e seleccións dende o buscador.

    Como usuario rexistrado, ademais poderás valorar cun sistema de estrelas ou escribir os teus comentarios. Ambos poden consultarse na ficha de cada libro.

    Coa vosa axuda queremos conseguir que a base de datos sexa o máis completa posible. Se non atopas algún libro, e queres engadilo, podes usar este formulario. Se botas en falta calquera dato relevante, ou atopas algún equivocado, podes editar a ficha do libro usando a opción “Editar detalles do libro”

  • Autores

    Textos

    Neste apartado poderás compartir textos (poemas, relatos, novelas ou o que sexa), escritos por ti ou por terceiros, que creas poidan ser de interese para o resto dos membros. Obviamente, tamén poderás ler, comentar e valorar os publicados por outros usuarios.

    Autoedición

    Se escribiches un libro e queres publicalo, Redelibros pódeche axudar. Nesta páxina atoparás unha completa guía de edición na que che explicaremos, paso a paso, que facer para ver o teu libro publicado. Tamén atoparás aos nosos provedores recomendados para cada proceso.

    Autores Redelibros

    Nesta sección poderás coñecer de preto aos autores que pertenzen á nosa comunidade. E, se o desexas, tamén poderás adquirir algúns dos seus libros.

    • Textos
    • Autoedición
    • Autores
    • Tenda
  • Ferramentas

    Ferramentas

    As ferramentas de "opinión" permítenche dispor de espazos onde compartir a túa opinión ou coñecer a do resto dos usuarios.

    As ferramentas de "anuncios" permítenche comunicar ou informarche de eventos ou clasificados a través de Redelibros.

    As ferramentas "multimedia" permítenche compartir e visualizar fotos, vídeos e arquivos de audio co resto de redelibreiros.

    As ferramentas de "membros" permítenche atopar a outros usuarios de Redelibros ou invitar a outras persoas a formar parte da rede.

    Opinión

    • Blogs
    • Grupos
    • Enquisas

    Anuncios

    • Eventos
    • Clasificados

    Multimedia

    • Álbums
    • Vídeos
    • Audios

    Membros

    • Buscar
    • Invitar (email)
    • Importar contactos
  • Seccións

    Cadernos Redelibros

    Nesta sección atoparás artigos dos nosos colaboradores (críticos, autores, editores, expertos, etc.) que che brindarán distintas perspectivas sobre a literatura e o mundo editorial: análise de xéneros, reseñas de obras concretas, estudos sobre actualidade editorial, traballos sobre autores destacados, etc.

    Concursos

    Actividades que teñen premio. Concursos organizados polos nosos colaboradores ou polos propios usuarios para potenciar a creación literaria, audiovisual e artística. Unha sección que dá moito xogo.

    Fisgando na rede

    Unha páxina que contén a moitas: os principais focos de información cultural do país, blogs, axendas culturais, páxinas de editoriais, seccións de cultura en prensa... Ofrecémoschas sindicadas por rss, automaticamente actualizadas e reunidas para a túa comodidade.

  • Redetendas

    Páxinas

    A túa páxina personal na rede, a túa tarxeta de presentación.

    Tendas

    As tendas dos usuarios na rede. O espazo para as túas compras.

    Tenda de redepuntos

    Colaborar e participar na rede ten premio: os redepuntos, que irás acumulando coa túa actividade. Poderás cambiar gratuitamente os teus redepuntos por libros na nosa tenda.

  • Colaboradores

    Editoriais

    • Kalandraka
    • Faktoría K

    Librarías

    • Cartabón
    • Paz
    • Libros para soñar
    • Mazinger

    Entidades

    • Gálix
    • Culturgal

    O noso agradecemento

    Queremos mostrar o noso agradecemento a todas as persoas, empresas e institucións que co seu gran esforzo e participación apoiáronnos e séguennos apoiando cada día para crear un espazo galego de literatura en Internet.
    Se estás interesado en colaborar, ponte en contacto con nós.





Redelibros 1 article
  • All Submitter Articles
Compartir Informe

Related Articles

  • CR33. Por que me fixen lector
    por Xosé Monteagudo
  • CR29. Galicia e Cataluña. Un diál...
    por xina vega
  • CR26. Autopublicación, unha refle...
    por Fran Zabaleta
  • CR19. Ana Manana, os cabaleiros d...
    por Daniel Ameixeiro
  • CR17. Literatura en movemento
    por Irene Penas Murias
  • Article Home Page »
  • Examinar artigos »
  • Literatura

CR 31. Pregón da feira do libro novo de Vigo

  • Publicado por Redelibros
  • 03 Xullo 2011 09:51:53 CEST
  • 1 comentario
  • 866 visitas

 

Pregón de Iolanda Zúñiga en vídeo.

 

 

Pregón da feira do libro novo de Vigo

1 de xullo de 2011, por

Iolanda Zúñiga

 

Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) é autora do libro de microrelatos Vidas post-it, do poemario Amor, amén e Premio Xerais 2010 pola novela Periferia.


Foi en Vigo, na miña cidade, nesta na que habitan os meus desvelos e afectos, onde camiñei por vez primeira unha feira do libro. Sempre viña da man de meu avó e, malia que eu aínda era inexperta niso de lograr que os demais saciaran os meus caprichos, el sempre me compracía. Abuelo, cómprame un Mortadelo y Filemón. Hai trinta anos, Vigo era unha urbe máis amable, un lugar transitable ao que se accedía por unha recén inaugurada AP-9 e un cento de estradas secundarias, que enlazaban cunha arañeira de rutas comarcais que, non sen paciencia, nos conducían, ben desde o quilómetro cero até un cumio de 500 metros, ou ben desde un areal branco e fino até este mesmo xardín público da Praza de Compostela.

Foi no meu Vigo, cidade na que hoxe pernoctan os meus recordos e apegos vinculados aos libros, e ás súas palabras e tramas e ilustracións, por onde seguín a pasear os meses de xullo sucesivos. Daquela, xa non precisaba que meu avó me tendese a man, pois eu xa era curiosa abondo e aprendera que, malia a envoltura aburrida, o aspecto apático e a aliñación militar das casetas brancas da feira, estas contiñan ventres preñados de cubertas estampadas con mil cores. Só había algo en min que non cambiara: seguía a ser caprichosa. Abuelo, cómprame unha tira de Mafalda. Hai vinte anos, Vigo xa ambicionaba estatura e importancia, o verde tenro fora sufocado polo gris asfáltico e a periferia mansa estaba a ser absorbida por unha urbe estratega que se arredaba, cun talante a medio camiño entre a distración e o embuste, da cultura.

O tempo correu despreocupado, que é o modo en que o tempo corre cando unha é cativa, e esquecín o número de edición da feira na que me emancipei. Ese ano no que me acheguei soa, ese día no que aproximei o nariz a un dos mostradores e esa milésima de segundo na que namorei do meu primeiro libro de feira. O que xamais esquecerei é vir da man dese lector que era meu avó. Teño a certeza de que esa boa fortuna propiciou que eu, na adolescencia, me convertira en seareira dos libros e, por extensión, en sufridora dos meus propios caprichos: Quero ese, ese e esoutro libro. Edición tras edición, orienteime entre camelias, magnolios e demais árbores caducas, que nos auxiliaban coa súa sombra benigna naqueles veráns de sol feroz, e baixo as que gozabamos de historias perennes, ás que a intermitencia metódica das estacións sempre nos regresa. Foi aquí, nesta alameda, onde descubrín os universos gulliverianos cos que os autores e autoras deste país de Liliput soñaban cando escribían. Foi aquí onde aprendín a recoñecer a fisonomía dun libro.  

Isto é un libro. Un obxecto común de aparencia inocua e contido que hai quen cre estéril. Isto non son máis que tres ducias de cuartillas, impresas con tinta negra, unidas por un mesmo costado e protexidas por portada e contraportada. Isto son tan só unha presada de follas cunha gramaxe determinada, encadernación atraente, prezo fixo e código ISBN colmado de díxitos. Isto, a simple vista, é un produto caduco, porque será desprazado por outros que, coma el, aspiren a ocupar un andel nunha librería. Isto é un elemento suxo, porque barolecerá cando a el se imanten as irremediables pegadas do tempo. Isto é un artículo incómodo, porque resultará voluminoso ou pesado. En definitiva, isto se reduce a un soporte físico de información que loita pola supervivencia nesta era 2.0 sofisticada.

Este obxecto nin sequera sacia os nosos cinco sentidos. O pracer físico que nos provoca é insuficiente, mesmo ingrato: cando o sobamos dásenos rugoso, ao cheiralo bríndasenos agre, quen o lamba comprobará que é un tanto desaborido e se pretendes escoitalo haberás de abstraerte da melodía enxordecedora da rutina. Pero que sucede se utilizamos o sentido da vista? Se o miramos por fóra, axexamos dentro del e transgredimos esa fronteira que é a cuberta co fin de lelo? Pois que descubriremos o pracer psíquico. E tamén a razón pola que este obxecto común de aparencia inocua e contido que hai quen cre estéril causou, hai escasas semanas, que os cimentos da nosa sociedade tremeran, facendo reflexionar a un amplo sector da cidadanía, que esixiu liberarse dos entullos que este sistema político e económico, esgotado e corrompido pola avaricia, botara por riba de todos e todas, tras dinamitar con desairo algunhas das conquistas sociais alcanzadas nas últimas décadas. Na escala Richter, a cantidade de graos que supuxo a revolta é irrelevante. Algúns dirán que o tremor foi ridículo. Outros defenderán que a convulsión foi maiúscula. O importante radica en que si existiu un movemento sísmico perceptible. E este obxecto común de aparencia inocua e contido que hai quen cre estéril, coa urxencia dun río ao que ceiban do encoro, co estrondo dun cóctel molotov, coa puntería láser das armas, coa fluidez coa que o lume prende en materiais altamente inflamables, foi o detonante que perturbou a placidez dos nosos gobernantes e a nosa propia desidia. Espertounos do entresoño presente, espabilounos dun pasado aletargado e alentou a esperanza futura. E isto segue a ser un obxecto común, si, de aparencia inocua, si, pero de contido en absoluto estéril, senón fecundo. Así que, quen pense que un libro é unha cousa inofensiva, un produto caduco, un elemento suxo, un artículo incómodo ou tan só un soporte físico de información prescindible para a vida e para a actual era 2.0, é un inconsciente. Porque, como no amor, un libro é imprevisible. Porque, como no amor, un libro te seduce, te provoca, te obsesiona. E sempre, tal e como sucede no amor, a paixón por un libro é infinda mentres dura.

Este libro ben podería ser un deses estorbos que a metade das civilizacións quixeran ocultar mentres a outra metade buscaría destruír. Queimándoo. Desde épocas inmemoriais, a queima de libros soltos, de bibliotecas enteiras, de compendios milenarios, anegou a xeografía deste planeta de cacharelas, lume e cinzas: na China de Qin Shi Huang arderon obras filosóficas e históricas; na Alejandría de Diocleciano calcinaron libros de alquimia e ciencias herméticas; na Florencia de Savonarola abrasaron arte considerada inmoral; no México da Inquisición incendiaron manuscritos Mayas; na Alemaña dos nazis incineraron textos que dicían estaban “contaxiados pola bacteria do espírito xudeo”; no Chile do dictador Pinochet chamuscaron libros de política... E así, sen respiro, se sucederon crónicas bárbaras destinadas a demoler a cultura. O poeta alemán Heinrich Heine escribiu: alí onde se comeza queimando libros, remátase queimando tamén seres humanos. E foron moitos os autores que se referiron nos seus textos a este odio histórico cara os libros. Desde Cervantes, no capítulo VI de “Don Quijote de la Mancha”, até Manuel Rivas, en “Os libros arden mal”, pasando por Ray Bradbury, que na súa novela “Fahrenheit 451”, cuxo título fai referencia á temperatura á que o papel dos libros se inflama e arde, e é unha das principais obras de ficción sobre o tema, describía cunha beleza exultante esa escena dramática da que tantas civilizacións foron testemuña: (…) en tanto que os libros, semellantes a pombas que baten ás, morrían no porche e no xardín da casa; en tanto que os libros se elevaban convertidos en remuíños incandescentes e eran aventados por un aire que o incendio ennegrecía. (…). E suxiría o autor: (…) un libro é unha arma cargada na casa do lado. Quéimao! Quita o proxectil da arma. Domina a mente do home. Quen sabe cal podería ser o obxectivo do home que lese moito? (…) Pero se é tan só un obxecto inanimado e, en absoluto, é un artefacto bélico (porque se volo lanzo á cabeza probablemente non vos fira) por que conduce a unha restra de conflitos? Cal é a alquimia poderosa que contén un libro para que resulte ameazador? Pois un libro contennos a nós mesmo. Contén os ingredientes e adobos básicos para anclarnos á vida, para entender o mundo. Contén esa capacidade para soñar que a madurez lle amputou á infancia. Un libro é o lugar onde desencontrarnos. Porque o desencontro será o único que, fronte ao atordamento, nos permita reencontrarnos. Se os tempos non evolucionaran, hoxe o autor deste libro, un home no cabo da vida, Stéphane Hessel, estaría a piques de ser queimado, ou guillotinado ou torturado ou aforcado ou gaseado ou encarcerado, e da súa obra, Indignádevos!, restarían só as muxicas.

Non subestimemos o poder dun libro. Ben pode ser unha bomba atómica, un átomo que libere fotóns de luz, a única luzada no horizonte, o confín cara o cosmos ou a cosmogonía que nos define, porque o que sabemos de nós mesmos está contido nun feixe de libros. E, talvez, chegue o día no que un libro coma este decida irremediablemente o noso devir.

E digo máis. Digo que un libro é un labirinto de emocións entretecidas, que desembocan nun latexar descontinuo, que gabea polo corazón até os miolos, para apousentar na nosa razón unha obsesión benévola. Digo que un libro é apostar á ruleta rusa, pois tes unha única historia na recámara, un proxectil guiado polo azar que, se é apto para ti, hache sandar, senón hache ferir, en calquera caso, hache desafiar. Digo que un libro é o territorio onde se camuflan a fantasía, a vehemencia, a demencia, esas que tan mala fama teñen nestes tempos no que o correcto é finxir cordura, serena e terreal. Digo que un libro é un enigma por descifrar ou un oitomil que conquistar, un andazo do que contaxiarse e unha querencia que compartir, un mar salgado no que aboiar ou areas movedizas nas que afundir, unha droga que inxectar en vea e unha adicción na que recaer unha e outra e outra vez. Ler é a soidade acompañada. Digo que un libro é unha estrutura complexa de arquitectura simple, é o abrente logo dunha xornada aciaga, é o carburante co que encher o depósito da resistencia, é a trincheira tras a que a ficción se parapeta, é a última saída de emerxencia cara a un mesmo e o derradeiro refuxio neste mundo desarroupado. Mais, sobre todo, é un escuro obxecto de desexo. Porque, libro, para min ti es o amante impecable: accesible, compracente, fiel, discreto, sexi, sincero e seductor. O único que sabe aplacar, cada noite, a furia dos días enmarañados en mentiras, lerias e sorrisos vacuos. Sempre me agardas, malia ser eu unha amante esquiva, desatenta, infiel, imprudente, descoidada, finxida ou vulgar. Só ti coñeces as miñas fraquezas e fortalezas, agachadas nos recantos da miña xeografía física até que, por mor do teu impacto, se desintegren e espallen ao longo da miña xeografía anímica. Cando te sosteño entre as mans, sempre me xacto, con modais histriónicos de namorada incomodada, dos meus outros amantes: mira, libro, hoxe prefiro a tele (esa que me devora sen tregua); por certo, libro, esta tarde vou ir ao cine (ese que me seduce sen remedio); non cho dixen, libro, pero teño miles de amigos/as en facebook (ese que me permite vender unha imaxe irreal). Pero sempre, cedo ou tarde, regreso a ti, regreso a el, regreso ao libro.  

E un libro coma este, ou calquera outro, é un obxecto inanimado ao que alguén fecundou cunha historia, que latexa no seu ventre e devece por ser lida. Porque os libros alcanzan a súa plenitude só cando alguén os le. Mais, previamente, precisan dalguén que os imaxine e redacte, dalguén que os tutele e edite, dalguén que os engalane e imprima, dalguén que os exhiba e distribúa e dalguén que os mime e suxira. Esta última figura é, talvez, a máis necesaria da cadea. Alomenos foino durante séculos. Refírome ao oficio de libreiro, un oficio que está a minguar, e de nós depende que non se extinga. Acudamos a pedir consello a ese traficante de historias. Porque só un libreiro tradicional, só un lector profesional, só o noso Sherlock Holmes particular, recoñecerá ese libro que colmará as nosas expectativas. Aproximarase con paso decidido a ese andel onde repousa, tímido e esquecido, entre Crepúsculos e Larsson’s e Es fácil dejar de fumar, un exemplar, do que quizais se vendan dez, cen, catrocentas unidades nada máis, pero quen sabe se será esa a alfaia que catapulte unha lembranza indeleble, tenra ou cruel ou máxica, cara as nosas entrañas.

 



Hoxe adquirimos libros en centros comerciais, rendidos diante dos montes e moreas de novidades rechamantes, lanzadas por grandes editoriais, e apoiadas por críticas remuneradas, publicidade vasta e presentacións mediáticas. Desde xeito, cedo os libros se exporán a carón da froita madura ou nun mostrador fronte á sección de lencería ou no soto dun bazar chinés. Hoxe baseámonos en reseñas, opinións ou recomendacións liviás auspiciadas por esa mercadotecnia. Deste xeito, pronto os libros nos defraudarán, perderán toda a súa credibilidade e se convertirán no agasallo co que acompañar un flotador de praia, un abeto de nadal, unha cesta de cogomelos ou un tarro de mel de eucalipto. Cada ano se publican miles de libros. Neste maremágnum de desinformación global é doado naufragar coma Robinson Crusoe, desnortarse coma Don Quijote ou extraviarse coma Alicia no país das Marabillas. É doado esquecer das pequenas librerías tradicionais, onde os libros comezaron a súa travesía.

Hoxe nesta feira hai dezanove casetas, con historias infantís, xuvenís, para adultos, en castelán e en galego. Si, tamén en galego. Porque son imprescindibles. Porque, malia as afirmacións que din que son catro os gatos que falan, escriben, cantan ou namoran en galego, non é certo. Pero a min a situación da lingua non me preocupa. O que sinto é desprezo cara esa parte da sociedade galega obstinada en desvalorizar a súa fala co afán de situala nun chanzo inferior. O que sinto é mágoa polos pais e nais que insisten en conducir á nosa infancia a un analfabetismo políglota. O que sinto é vergonza deses mestres e mestras que todo ao que aspiran é a garantir para si un acomodo vitalicio, esquecendo o seu cometido obrigado: a educación moderna e universal. Insisto, a min a situación da lingua non me preocupa, porque nin corre risco nin está moribunda. Entre as aproximadamente 5.000 linguas que actualmente están activas no mundo, o galego está no número 136. É unha das 118 linguas nas que está dispoñible Google, é unha das 95 linguas para as que se traduciu Windows, é unha das 70 linguas de Facebook, é a lingua número 49 por libros traducidos, ocupa o posto 37 por páxinas na Internet. Ou isto se extrae dun estudo elaborado polo escritor Manuel Núñez Singala e Manuel Bermúdez, ambos do Servizo de Normalización Lingüística da USC, onde amosan que esa definición de “lingua minoritaria” é subxectiva e falsa. O galego está mellor situado que España en Eurovisión, que España nas Olimpíadas, que España na crise mundial ou que o concepto que de España ten o resto do mundo en cuestións como a tauromaquia ou a monarquía. A modernidade está coa lingua galega. Traballamos con ferramentas de vangarda, temos os mellores profesionais e, sobre todo, algo moi galego: a arroutada para facer o que nos pete, a retranca para facelo con humor e a teimosía que levamos inscrita no ADN. A min, preocupar, o que de verdade me preocupa é que, por exemplo, a un pobo indíxena vítima do xenocidio como os Akuntsu lle resten cinco falantes sen descendencia.

Para rematar, e como autora e viguesa, solicito os seus habitantes e autoridades que fagan gala da lucidez e non lle dean as costas aos libros e á cultura nun Vigo que supura talento (sobre mesas de cafés de antigo como o Derby ou o Goya deitaron tertulia e vangarda e literatura Cunqueiro, Laxeiro, Lugrís, Celso Emilio, Kruckenberg, Paz Andrade, Álvarez Blázquez, del Riego ou Blanco Amor); agardo que non ignoren a industria editorial viguesa, de longo alento (nas nosas rúas ben teñen sede algunhas das editoriais primixenias do país ou ben foi aquí onde naceron os seus editores/as); persevero na necesidade de mercar nesas librerías viguesas que resistiron os avatares das crises e o asedio das grandes superficies, esas que, sen pudor, amosan libros en galego nos seus escaparates (Cartabón, Librouro, Andel, Mendinho…), ao tempo que emito un lamento fondo polas que se viron obrigadas a pecharlles as portas aos soños (Cervantes); demando que se lle dea voz a proxectos novidosos (Vigo vén de dar a luz a primeira rede social de libros en galego: RedeLibros); sabedes que fomos postmodernos adiantados? (aquí naceu o Colectivo Rompente hai 36 anos, ese que revolucionou o panorama da poesía en galego); lembrades que a “movida” madrileña se escribiu con V de Vigo?

E xa que as vicisitudes propias destes tempos de involución así o decidiron, e xa que a poboación demanda máis telelixo e trapos de Inditex e menos libros, e xa que a cultura ha de compartir orzamento coas festas locais, pido aos responsables de administrar as arcas municipais que garden algo de pólvora festiva co fin de fortalecer a engrenaxe cultural viguesa.  E se o goberno da Xunta decide desentenderse, ou sente noxo, desidia ou indiferenza, daquela, seremos nós, a poboación, quen chantemos a nosa cultura no futuro. As cantigas do xograr Martín Códax chegaron até os nosos días sen o apoio de ningún señor feudal. Ninguén poderá obstaculizar a necesidade rabiosa de expresarnos. Ninguén poderá frear a nosa imaxinación caudalosa. Un libro pode incendiarse co lume dunha cabicha ou cuartearse dunha insolación na praia, pode afogar se cae na bañeira ou asfixiar se sentas o teu traseiro sobre el, mesmo pode adurmiñar xunto a ti no colo. Poderán debilitar a industria dos libros. Poderán bombardear a industria cultura galega. Pero as ideas seguirán fluíndo. A creación xamais se deterá. Vai no cerne mesmo do ser humano. Creemos. Resistamos. Porque, plaxiando a Stéphane Hessel: crear é resistir, resistir é crear.

Por favor, aparcade o coche, silenciade o móbil, desenchufade o televisor, esquecede de Internet, postergade eses asuntos vulgares cotiáns e pagádelle a ese amante necesario, que é o libro, os seus servizos. El ha saber como recompensarvos.

Grazas a todos/as por escoitarme e á Federación de Libreiros por convidarme. Libreiros/as, lectores/as e público en xeral, deséxovos saúde, soños e lectura pracenteira.

Inauguremos, pois, a trixésimo sétima edición da Feira do Libro Novo de Vigo! 


 

© Iolanda Zuñiga - © Desta edición: Cadernos Redelibros, ISSN 2173-1977 - Vigo, xullo de 2011. Reservados todos os dereitos.

  • Tags:
  • #literatura
  • #Iolanda Zúñiga
  • #pregón
  • #Feira do Libro

  • Comentarios
  • Fotos(2)
1 comentario
  • A Xosé R. Lois e Fran Zabaleta gústalles isto
  • Fran Zabaleta
    Fran Zabaleta Parabéns, Iolanda. Un texto claro e fermoso.
    03 Xullo 2011
  • Ver imaxes

Redelibros

  • Blog
  • Preguntas
  • Soporte
  • Enlázanos

Libros e textos

  • Libros
  • Textos
  • Tenda
  • Autores
  • Autopublicación

Opinión

  • Blogs
  • Grupos
  • Enquisas

Anuncios

  • Eventos
  • Anuncios

Multimedia

  • Audio
  • Vídeo
  • Álbums

Membros

  • Buscar
  • Invitar
  • Importar contactos

Seccións

  • Cadernos Redelibros
  • Tenda de redepuntos
  • Concursos
  • Fisgando na rede
Copyright ©2013  -  Privacidade  -  Condicións de servizo  -  Contacto  -  Mobile Site  -  Quen somos  -  RSS  - 
Deseño gráfico: Manu e Marga - Hosting: jaboweb.com
Share