

Mirando o nome que asina ou unha foto que acompañe seguramente encolleremos os ombreiros e poñeremos cara de estrañeza. Por que non son un autor? A contestación pode semellar, nunca mellor dito, evidente. Para que é preciso un texto que explique o que todo o mundo pode ver? Pois ben, semella evidente que polo meu nome e trazos anatómicos a maioría da poboación chegará á conclusión de que son unha autora, sen dúbida. Mais os nomes e os trazos anatómicos tamén poden ser enganosos, só así se entende que haxa mulleres que se fagan chamar Xose ou homes que se chamen Pura. Só así se entende tamén todas as veces que, malia ao meu prominente busto, me confundiron cun rapaz. Si, como o conto, cun rapaz. Unha delas porque non levaba pendentes. Outra porque ía do brazo cunha moza (á cal a señora que me interpelou como “rapaz” para que lle axudase a mover un colector do lixo, pediu desculpas por roubarlle o mozo). Hai uns anos tiña unha foto nun carné que levantaba comentarios de “que rapaz!” en canto o sacaba.
Como di o dito popular (de corpo) non somos nada. A fin de contas, a nosa limitada raza humana dedícase a ver o que lle interesa de antemán. Disto quería falar en Pirata, precisamente, de como cando un corpo se sae das expectativas sociais pode facer o que non “lle corresponde” sen que ninguén sospeite. Aí está tamén a clave dos moitos matrimonios entre mulleres que se deron en séculos pasados, un deles ben famoso e próximo a nós, o de Elisa e Marcela, unha historia que levo tamén moi preto do corazón, as dúas mulleres que casaron na Coruña nos primeiros anos do século XX, ante a igrexa e os poderes civís, Elisa como “home” e Marcela como “muller”.
Daquelas, se o meu corpo é un construto que levar ao ximnasio, se comezase a afeitar o bigote sería un autor? Complicado, veremos por que. O ano próximo fanse dez da publicación do meu primeiro libro, o poemario Moda galega. Admito que foi un proceso de publicación realmente doado e amable, había algún tempo que coñecía a Paco Macías, o editor de Edicións Positivas, por un traballo de tradución, Mitos e lendas hindús, que realizara para a editorial e un día atrevinme a levarlle a primeira parte do poemario. Gustoulle tanto que me vin na tesitura de rematalo e o resto xa está nos rexistros de ISBN.
Pode semellar isto unha constatación daquel ruxe-ruxe intereseiro que percorreu e percorre aínda os círculos literarios masculinos e que di que ultimamente con ser muller xa unha publica como nada. Estas son as cousas que ninguén rexistra en ningún sitio, pero que andan por aí voando e facendo sociedade, así que polo menos que queden aquí constatadas. Primeiro foi coa poesía, ultimamente é coa narrativa. Parece que unha muller gaña un premio ou ten relevancia (como tivo a poesía das mulleres dos anos 90 polo valor que a crítica lle apuxo) e axiña comezan a cantar “os resentidos”, contra os cales non hai mellor maneira de argumentar que amosar os catálogos editoriais e comprobar o número de mulleres que somos publicadas fronte ao número de homes. Con iso remata calquera discusión ou debate sobre este asunto.
Aínda así, estas reaccións recórdanme aos colectivos de casta alta da India que din, cando se puxeron en marcha as medidas de discriminación positiva para persoas intocables, que agora “todo” é para “esas”, obviando os séculos de privilexios que acumulan e o sumamente difícil que é para unha persoa de tal colectivo chegar a postos nos que a xente de casta alta está á distancia dun dedo só por nacer. Co das mulleres e a escrita pasa o mesmiño, hai a quen lle doe perder a hexemonía da palabra.
Aínda así, esta parte da historia daría unha imaxe certamente parcial porque antes de publicar Moda galega, e de forma certamente casual, tivera xa unha desgraciada experiencia na que me quedou moi clariño que eu nin era nin ía ser nunca un autor. Novamente vou retomar aquí cousas que normalmente non se contan por escrito pero que a min me parece necesario facelo para non crear imaxes que non son. Non se contan moitas veces porque son historias humillantes, aínda que eu tendo a sentir máis ben vergoña allea.
Nunha editorial da cal non vou mencionar o nome, cun editor do cal tampouco mencionarei o nome, tiven un encontro que me demostrou que efectivamente non son un autor. O editor estaba moi incomodado porque os personaxes masculinos da novela que chegara ás súas mans estiveran “mal tratados”. Eu expliquei que eran secundarios, pero a el este argumento (literario) pareceulle absurdo, parece ser que os personaxes masculinos nunca poden ser secundarios (fronte aos femininos) no esquema global das cousas. Logo permitiuse o luxo de berrarme porque lle dixen que me fixera un comentario paternalista, algo que me deixou estupefacta e que nese mesmo momento souben que non tería feito se eu tivese corenta anos e un bigote.
Isto é algo que constato unha e outra vez, por unha banda que os personaxes masculinos non son procesados como secundarios e, pola outra, que hai moitos homes que aínda se cren co dereito a berrarnos ás mulleres, en público ou en privado. Por poñer un caso, os debates ao redor dos personaxes masculinos do Club da calceta son unha das cousas máis irritantes que me pasaron na miña carreira como escritora e que me demostran que efectivamente non son un autor, porque rara vez a un autor botan horas analizándolle as personaxes secundarias femininas e tentando atopar amagos maniqueos en lecturas nesgadas, como dicir que todos os personaxes masculinos da tal novela son “malos” (unha lectora intelixente argumentou unha vez que o personaxe máis “malo” da novela é en realidade unha muller, a mai de Luz) ou mediocres. Ninguén analiza os personaxes secundarios femininos que tamén se poderán interpretar como malas, mediocres, boas, riquiñas e todo o demais. Segue vixente polo tanto a idea de que os homes non poden ser secundarios ou que hai que presentalos cuns certos trazos para... para que? Aos autores nunca ninguén lles mide os personaxes femininos por metro cadrado de masculinos, algo que sería interesante tendo en conta que os relatos dos homes ocupan o 90% mínimo do espazo literario e polo tanto constrúen sociedade.
Por iso sempre lle estarei eternamente agradecida a Stieg Larsson por escribir a súa triloxía chea de maltratadores, puteiros, proxenetas, pederastas, traficantes de mulleres e en xeral cabróns de moito mimo (ata o protagonista principal é bastante mediocre en comparación cunha estelar Lisbeth Salander), porque o que se converteu en best-seller na pluma dun home tería sido botado ao lixo como maniqueo, revanchista, feminazi, mullerista, ideolóxico ou simplemente literatura dunha muller frustrada que odia os homes, iso de chegar a publicarse, claro.

O asunto de centrarse de forma obsesiva en falar dos “personaxes masculinos” (secundarios, que xiran ao redor dos femininos na trama) ao final fai que nunca se fale do principal: da literatura. Fai que os debates se centren no irrelevante e prexuizoso, no canto de falar de estruturas, de rexistros, de creación de personaxes (principais), de estratexias literarias, de profundidade psicolóxica, algo ao que, como calquera autor, unha (ou eu persoalmente) dedica abondas horas de traballo e reflexión.
E logo está o tema de seguirnos berrando. Son bastantes as veces nas que algúns homes aproveitan a vulnerabilidade da postura pública para intentar atacar (si, esa é a palabra) ás mulleres que escribimos, e máis en concreto ás que escribimos dende os feminismos. Lembro con desagrado algúns clubs de lectura onde algún (dos poucos) integrante masculino tentou “poñerme no meu sitio”, creo que con pouco éxito. Logo están os outros berros públicos, eses que aparecen en entradas de blog de certos señores ou nos comentarios das columnas de xornal que nos deixan ás autoras unha grande cantidade de señores agochados no anonimato, berros violentos no espazo público que van confirmando outros círculos de violencia moito máis visible.
Todo isto para dicir que acceder á palabra non é doado cando unha non é un autor. Non é doado nin sequera chegar á categoría de escribir en si mesma. Téñolle oído en máis dunha ocasión ao noso compañeiro Francisco Castro comentar que el comezou (como todo o mundo, engadía nunha ocasión) a escribir para ligar. Sendo un home, seguramente teña razón. Pero cando eu miro cara atrás aos meus anos mozos, a reacción ante unha moza que escribía poemas non era precisamente a de caeren os mozos rendidos aos nosos pés. Máis ben os estereotipos eran outros, había algo de perigoso que daba pánico nunha moza que se expresaba en poemas, algo aberrante e anormal que podo asegurar con total seguridade que non facía da escrita unha estratexia amorosa con éxito no amor heterosexual. E pasada a adolescencia parece que esta tendencia continúa na outra cara dos libros, na cara que non sae nas entrevistas nin nas recensións pero da que alguén ten que falar, como por exemplo as peaxes das vidas de parella nas que che reclaman por que escribiches un libro de amor a outra persoa. Porque unha muller que fai públicas certas cousas non fica moi lonxe do concepto tradicional da muller pública? Porque unha muller que dedica o seu tempo a pensar e que reclama ese espazo non é senón unha egoísta despistada das súas tarefas “naturais”, reprodutivas, domésticas, dos coidados, esas para as cales non hai vacacións nin tempos de silencio posibles? Nalgunhas mentes todo isto semella seguir estando aí.
Ao final, tanto debate sobre a “literatura de/por/para mulleres” o único que fai é desviar do principal, que é que tales etiquetas non fan máis que reafirmar os estereotipos sen construír unha crítica social ao que nos rodea ás autoras. Obviamente non hai unha literatura de/por/para homes porque esa se considera que é “a” literatura, e o que nosoutras facemos unha estraña aberración. Abonda con ver as recensións críticas dos nosos libros, algo no que investín hai pouco certo tempo en investigar de forma metódica para un estudo. Resulta decepcionante botar o traballo que dá escribir un libro para que logo este quede representado e resumido como “o universo feminino” ou “literatura para mulleres”, como se os homes estivesen exentos de coñecer as visións e experiencias do 50% da humanidade, algo que enriquecería certamente o noso mundo de forma substancial. Semella unha excentricidade aínda crear un mundo literario poboado de mulleres, de personaxes e de referencias nunha xineoloxía compartida, o contrario, claro, é a norma. Resulta tamén decepcionante que os nosos nomes sexan intercambiables, que se nos fagan entrevistas en bloque e que non se diferencien unhas voces doutras, co distintas que somos! E resulta realmente denigrante que dunha novela complexa a crítica destaque as escenas de sexo lésbico como o único relevante, como se as relacións entre mulleres na literatura estivesen aí para o voyerismo barato dos homes que botan en falla horas de porno sexista noutros formatos. As palabras son duras, si, pero máis dura resulta a experiencia de termos que calar as nosas paixóns para que non sexan consumidas desta forma, algo ao que se cadra todas as autoras bisexuais ou lesbianas nos temos que enfrontar ao coller a pluma.
Malia a todas estas cousas e un cento delas máis nas que demoraría moito, o facebook chámame “autor” na miña páxina pública, igual que cada día me enfronto a ser usuario, alumno, consumidor, etc. Todos estes masculinos invisibilízanme, fan desaparecer as miñas circunstancias individuais pero sobre todo colectivas no sumum dos “os”. Tal é o seu peso no noso imaxinario, tal o afán fanador da identidade individual e colectiva das mulleres que cando hai trece anos fundei Implicadas no Desenvolvemento o proceso de rexistro demorou varios meses porque había un funcionario, co que tiven a desagradable oportunidade de falar por teléfono, que se negaba a rexistrar o nome de forma inclusiva e devolveu por iso os estatutos polo menos tres veces para seren modificados. Aínda hoxe hai persoas que se achegan e preguntan se é unha organización só para mulleres, ao cal eu adoito contestar: “Igual que Médicos Sen Fronteiras é só para homes”. O seu peso é tal que hai mulleres que para facer entender un traballo de calidade e alta valía prefiren denominarse “técnico”, “avogado” ou “arquitecto” antes de reclamar que debaixo dese “o” se agocha unha muller, iso si, ben educada no patriarcado, e non o digo polo corpo, senón pola evidente falta de estima ao seu xénero. Estas mulleres seguen a mesma lóxica que levou aos señores críticos e literatos a chamarlles a Rosalía de Castro ou Pardo Bazán “autores” para determinar a súa calidade literaria nunha gabanza que me lembra aquela que miña mai sempre contaba con mala uva e risa ante a idiotez allea cando lle dicían que conducía “coma un home” para recoñecerlle a súa habelencia ao volante.
Supoño que estas mesmas ideas seguen aínda moi vixentes nas mentes da maioría dos nosos académicos, que pechan as portas ás autoras e estudosas, non vaia ser que levemos con nós o noso xénero (que eles deben de pensar que deixan na casa ou non teñen, claro, como a xente branca pensa que non ten “cor” ou “raza”).
Por iso, cada vez que me chaman autor, que apoñen esa palabra ao meu nome nun suposto xenérico, algo en min se remexe. Porque non, señoras e señores, eu non son nin serei nunca un autor. E non será polo corpo (que tamén, claro, na sociedade na que vivimos), será por vontade. Porque ser autora engade á miña experiencia un “a” que ten sen dúbida moitas cousas novas, dignas e interesantes das que falar, fóra das caixiñas que nos apoñen, para toda a humanidade. Porque a nosa voz ten capacidade de transformación e cando unha rapaza me escribe para dicirme que abriu os ollos ao mundo e reflexionou, que se viu doutra maneira tras ler un dos meus libros, daquela todo o demais paga a pena e unha se reafirma na marabilla de ser unha autorA.

María Reimóndez Meilán naceu en Lugo e é tradutora e intérprete de profesión. O seu primeiro libro publicado é Moda Galega (Edicións Positivas 2002) e no ano 2003 recibiu o Premio de Novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Edicións Positivas 2004). No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha (Edicións Xerais 2006) e do Xerais con O club da calceta (Xerais 2006), que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano e o castelán, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. Tamén ten publicados seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest. En época máis recente publicou para o público infantil Lía e as zapatillas de deporte (Xerais 2008), Premio Frei Martín Sarmiento 2010, O monstro das palabras (Xerais 2009) e Pirata (Xerais 2009) para público adulto. Reimóndez ten tamén unha longa carreira como tradutora literaria, sobre todo de literatura infantil con máis de doce títulos traducidos. En 2009 recibiu o Premio Plácido Castro de Tradución pola súa versión de A historia de Mary Prince, unha escrava das Illas Occidentais (PDF en Bivir.com). En 2011 verá a luz o seu primeiro volume como ensaísta en colaboración con Olga Castro no libro Feminismos (Xerais 2010) que fará un percorrido ameno e divulgativo sobre os feminismos no mundo. Realizou estadías na Universidade de Stirling e na Universidade de Munic e en 2011 será unha das escritoras admitidas no programa do Instituto Cervantes de Munic e na casa de escritoras/es Villa Waldberta.
Reimóndez completa o seu traballo literario coas colaboracións en prensa no xornal A Nosa Terra, o Xornal de Galicia, a desaparecida plataforma dixital VIEIROS, Pro-texta, Tempos Novos ou a Festa da Palabra Silenciada. É fundadora da Organización Non Gobernamental de Cooperación ao Desenvolvemento Implicadas/os no Desenvolvemento que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable. É tamén fundadora e ata 2009 foi secretaria da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación.
© María Reimóndez - © Desta edición: Cadernos Redelibros, ISSN 2173-1977 - Vigo, maio de 2011. Reservados todos os dereitos.