Unha das maneiras máis doadas de entender a diferenza cultural é achegarse á produción literaria dunha determinada comunidade. Dentro dese sistema ou campo literario existen, entre outros múltiples factores, elementos característicos dun determinado xénero e público. As normas e valores que o identifican son herdadas, aprendidas e compartidas de xeito convencional.
A reflexión sobre o factor cultural estivo practicamente ausente dos estudos sobre tradución ata ben entrado o século XX, de maneira que o proceso tradutor estaba considerado como un simple traspaso de palabras ou frases dunha lingua a outra.
Non descubrimos nada cando dicimos que a tradución adoita introducir novos valores e crenzas que enriquecen o sistema de acollida ao poñer en contacto mundos descoñecidos. Con todo, ese proceso de traslado non pode ser alleo ás normas que rexen dentro dunha sociedade. O traslado é un proceso de negociación que pon en contacto as normas que guían o produto de orixe, como resultado da cultura de partida, coas normas que permiten a súa aceptación na cultura de chegada na que se insire, aínda que sexa para cuestionalas ou transgredilas. Para que iso ocorra, a persoa que traduce debe considerar as normas vixentes nesa cultura meta e tomar as decisións oportunas. O paso cultural esixe un amplo coñecemento dos patróns de comportamentos e desviacións do código, dun lado e doutro, sen esquecer por suposto, o compromiso ético do profesional nas súas actuacións. A persoa que traduce é responsable do seu traballo dende o momento que o acepta, por iso debe estar moi atenta a valorar o que se lle pide e as condicións nas que debe realizar o seu labor.
Estas consideracións lévanme a un dos numerosos libros traducidos recentemente ao galego que trata dos problemas de comunicación entre individuos que non comparten un mesmo idioma, nin unha mesma cultura, mesmo dentro do sistema de partida, e que dende o punto de vista da análise tradutolóxica, resulta ser un modelo moi útil para presentar un dos aspectos do complexo fenómeno do trasvase cultural.
Así, en A neta do señor Linh (La Petite Fille de Monsieur Linh, 2005), do profesor e cineasta francés Philippe Claudel, novela traducida por Isabel García Fernández, cóntase unha historia para todos os públicos onde a presenza do pasado, representada polo avó Linh, e o futuro da pequena Sang Diu, son o punto de partida dun relato sobre a variedade de situacións nas que se atopan os refuxiados, obrigados a sobrevivir nun entorno alleo, nun país cuxa lingua non entenden. A dificultade de tradución aquí é dupla, malia a presenza do narrador que nos guía, posto que a cultura de partida inclúe e incorpora outras culturas e modelos de comportamentos nun mesmo orixinal que haberá que identificar e trasladar para chegar ao “outro”. A presenza dunha intérprete mediadora que traballa para a oficina de refuxiados, como única “ferramenta” de comunicación entre o home e ese mundo hostil no cal debe permanecer sen alternativa posible, contrasta coa aparición do amigo solitario que o acolle, e con quen o protagonista só se poderá entender en silencio ou por medio de pequenos xestos: “se cadra gústalle oír esa voz precisamente porque non pode entender as palabras que di, e así está certo de que non o han ferir”. A solución adoptada polo autor do texto ante o grave problema de comunicación do señor Linh, alivia sen sensiblerías innecesarias a angustia da situación.
Outro libro que ofrece unha situación semellante é Onte (Hier, 1995) de Agota Kristof (tamén traducido por Isabel García Izquierdo). Kristof, da que xa tiñamos en galego O gran caderno (2000), é unha escritora húngara que tivo que abandonar o seu país e a súa lingua para refuxiarse en Suíza e logo comezar a escribir nunha lingua aprendida. A novela mostra o coñecemento da autora da experiencia vital que supón o exilio involuntario por culpa das guerras, desastres ou gobernos autoritarios. O protagonista de Onte, Tobias Horvath, cambia de identidade ao cambiar de país para fuxir da xustiza. Nese novo espazo de desarraigo, Tobias, agora Sándor Lester, aprendeu a lingua e iso permítelle actúar de xeito esporádico como intérprete nos xuízos dos seus compatriotas refuxiados, acusados e condenados en ocasións de maneira inxusta, polo simple feito de seren estranxeiros. Independentemente do fío condutor da historia, o illamento e o refuxio que procuran moitas das personaxes da novela teñen a súa orixe nas dificultades de comunicación lingüística e cultural.

A tradución permítenos coñecer outros textos, outros mundos e outros modos de entendelos, sen renunciar á identidade propia. O que hai de valioso noutras formas de expresar e entender o mundo é que serven para enfrontar e mesmo superar os complexos de dominados. O esforzo da normalización cultural a través da tradución nun país como o noso ten o valor engadido da loita contra a asimilación.
Publicado en galego hai poucos días, o breve ensaio de Stéphane Hessel, que leva por título: Indignádevos! é unha lúcida denuncia e reivindicación da perda deses principios e valores. Hessel, filósofo, diplomático e antigo membro da Resistencia, alédase de sobrevivir para poder lembrarlle á mocidade o seu compromiso político de resistente e chamar a atención sobre a ausencia de rebeldía social ante o constante ataque aos dereitos civís e políticos adquiridos, cuestionados agora, para permitir que os intereses duns poucos sigan a medrar: “A Resistencia propuxo unha organización racional da economía que garanta a subordinación dos intereses particulares ao interese xeral, libre da ditadura profesional instaurada á imaxe dos estados fascistas. […] O que se cuestiona na actualidade son os alicerces das conquistas sociais da Resistencia”. Que pasou daquela?, abandonamos o compromiso a cambio dun ficticio estado do benestar?
As escasas corenta páxinas do éxito que está a ser Indignez-vous!, apareceron primeiro traducidas na nosa lingua na páxina web [http://www.encontroirmandinho.org], grazas á xenerosidade e o compromiso do excelente tradutor, o profesor Henrique Harguindey. Agora contamos coa edición en papel de Indignádevos, en tradución do tamén experimentado Fernando Moreiras e prologada por Manuel Rivas: “Había fame de pan. De palabras enfornadas con anovada liberdade. Agora podemos partillar ese pan necesario”, grazas á tradución. O texto de Hessel reclama a nosa atención sobre a importancia do acceso á cultura como un dos xeitos máis eficaces e pacíficos para conseguir afastarnos da indiferenza.
Diciamos ao principio que a literatura traducida pode ter varias funcións, mais a que resulta ser máis evidente é a de achegar novas formas e contidos ao sistema que os acolle. A incorporación dos novos modelos ten que formar parte da necesaria revitalización. No noso caso, os exemplos citados son unha pequena mostra de que estamos a importar textos alleos para facelos nosos con bo criterio e relativa normalidade. E o feito de que aparezan en galego dúas traducións dun mesmo orixinal, case de maneira simultánea, permítenos concluír sen triunfalismos que a nosa vangarda cultural continúa o esforzo iniciado polos nosos devanceiros “anovadores de nós e anosadores de vós”, para estar no mundo en pé de igualdade.

Ana Luna Alonso é profesora no Departamento de Tradución e Lingüística na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, onde imparte docencia de tradución na combinación lingüística francés-galego. É membro do comité de redacción da revista Viceversa, Revista Galega de Tradución. Editou xunto co profesor Gonzalo Constenla a obra: As Linguas sen Estado: Francia e Italia (2003); xunto con Susana Cruces: A tradución no eido institucional (2004); e con Silvia Montero: Tradución e política editorial de LIX (2006). Na actualidade dirixe o proxecto BITRAGA (Biblioteca da Tradución Galega) e prepara con Silvia Montero e Liliana Valado o volume: Translation Quality Assessment Policies from Galicia (Peter Lang).
Como tradutora, ten publicadas as traducións de O fantasma da Ópera de Gastón Leroux (Edicións Xerais, 1998); Rossi de F. L. Sauser (Blaise Cendrars), en [http://www.bivir.com] (2001), Un chapeu de palla de Italia, de Eugène Labiche (Biblioteca-Arquivo Teatral “Francisco Pillado Mayor”, 2004) e Una noche con Carla de Aníbal Malvar (Inéditor, 2008).
© Ana Luna Alonso - © Desta edición: Cadernos Redelibros, ISSN 2173-1977 - Vigo, marzo de 2011. Reservados todos os dereitos.