Eran arredor das catro da tarde, cunha calor húmida e pesada, como de costume en Cuba. E diante de nós un público de estudiantes de galego, curiosos da literatura, e ata algúns amigos, escoitaban as nosas palabras cruzadas. Viñeran oír falar das letras galegas, dos libros feitos para nenos, e a coñecer de primeira man a un pequeno grupo de autores. E no medio dun ambiente cómodo e familiar, dun debate espontáneo, improvisado case no camiño que percorremos ata aquel lugar, o meu querido amigo, escritor, comentou aquilo de que “unha imaxe non vale mil palabras”. Había nel, nas súa intervención, unha mestura, coma de costume, de solemnidade e retranca. Pero de fonda convicción. Totalmente.
El estaba defendendo non só o seu territorio da escrita, senón a seguridade de quen ten algo tan potente, de tan longo alcance, como a palabra, que non precisa soportes, anexos, nin nada que deba multiplicar a súa razón de ser. E a imaxe podía chegar a ser un estorbo nos libros, e neste caso nos libros para pequenos.
Eu, de maneira automática, pensei que indiscutiblemente unha boa imaxe valía miles de palabras, e que unha palabra axeitada valía miles de imaxes. Ou mellor dito, que ambas se provocaban mutuamente, e ambas non podían evitar estar irremisiblemente relacionadas.
Na mesma comitiva, outra persoa, unha escritora tamén, comentaba diante dunha cervexa que nunca, nunca comezaba un proxecto sen ter moi clara na súa mente unha imaxe nidia e definida. Era o xermolo, o punto de partida. E a partires dela, todo.
Houbo que volver coller o avión, regresar ao fogar, e deixar pasar o tempo, para que esa idea sedimentase e fose mil veces pensada de novo: “unha imaxe non vale mil palabras”. Houbo que facer moitos libros dende entón, ilustrar moitas páxinas, e sempre con esa eterna pregunta: “Non vale mil palabras?”
Pero, de maneira inesperada, durante o traballo de ilustración de álbumes infantís, fun dando resposta a esa teimuda e provocadora cuestión. Sen querelo eu, atopeime con espazos de absoluta liberdade, como son os que este formato de libros aporta ao ilustrador. As cubertas, esas máxicas portas de entrada á obra, que convidan a entrar ou a marcharse. Con elas tiven a ocasión de experimentar, e mesmo de facer dialogar á portada coa contraportada, de debuxar robots que teñen medo dos nenos e nenos que teñen medo dos robots, sen dárense conta de que comparten libro e medos. Mesmo ousei nalgún caso tratar a cuberta coma unha ventá, con burato incluído, que o lector podía abrir, para ver que un camarote nos lanzaba á mar aberta e ao ataque dos piratas. E iso só nas portadas, antes de que comezase a obra textual, antes do libro.
Pasando ao interior, as gardas, que en ocasións son meros recunchos ornamentais, coma as contraventás que protexen á obra, ao libro, son outras veces utilizadas coma espazos narrativos. Mesmo para as maiores travesuras: non atopei mellor lugar, nunha ocasión, para coller un rato malvado, odioso e libre de castigo, e darlle o seu merecido. Coa venia do escritor, fixen que ese personaxe, que saía impune da obra, do libro, atopase a morte a mans (máis ben a boca) dun gato que lle tiña verdadeiras gañas. E faleceu na segunda garda... despois do libro, da obra.
Tamén nas gardas, neses introitos que ás veces pasan desapercibidos, teño convidado aos lectores a reflexionar sobre o valor da lectura, cunha nena que (na primeira) amosa unha expresión taciturna e melancólica, para pasar (na segunda, tras a lectura do libro, da obra) á ledicia incontida. E fixen que nun libro sobre soños, mares, e lectura, nas gardas os libros rodeasen aos peixes, e os peixes rodeasen aos libros, porque todo era parte do tema da obra, do libro. E mesmo nun libro sobre piratas e corsarios, na garda final amosei os restos dun naufraxio, o do ilustrador tras o traballo extenuante: un cofre nunha praia, do que fuxían, co vento, os bocexos de tantas e imaxes que ilustraban o libro, a obra.
E no medio dese libro, desa obra, as imaxes esparexíanse de maneira irregular, ilustrando, redundando. Lembro o caso no que as cores cobraban voz, unha voz que non estaba no texto. Porque había que transportar ao lector a un mundo sen tempo nin espazo definidos. Entón a herba tornouse azul, o ceo verde, e as árbores rosas, porque había que crear un mundo a camiño entre o recoñecible e o onírico. E esa linguaxe cromática, oculta, sibilina, camiñaba entre as páxinas do libro, da obra. E galos que, fóra do conto, na garda traseira, espertaban aos personaxes, que no libro quedaban durmidos.
Co tempo e a distancia, comprendín que isto non podían ser só simples travesuras de creativo, e que a imaxe pode, si, valer palabras, e música, e...
Pola tarde-noite, coma todas as daquela marabillosa viaxe, acabamos tomando uns mojitos, retomando tantas conversas, sen decatarnos de que os traballadores das palabras e os traballadores das imaxes estabamos a facer exactamente o mesmo, con diferentes ferramentas. Que todos eramos uns perfectos tolos, seducidos pola beleza e as historias, á procura da seguinte aventura creadora.
Ilustración infantil e xuvenil: O caderno azul (Xerais), El niño que tenía miedo de los robots / El robot que tenía miedo de los niños (Edebé) María é Maior (Baía), O pirata Metepata (Baía), Sabeliña e os ratos (Galaxia), Contos de reis e de nadal (Xerais), O afundimento do Tiránic (Baía), Misterio en Guernica (Baía), O soñador (Baía), Un fantasma en el colegio (Edebé), O monstro dos Ancares (Galaxia), Orballo da mañá (Baía), Un marciano neste mundo (Baía), O lume dos soños (Baía), O tempo do revés (Baía), Boa sorte (Baía, A Coruña), Carolina e os caracois (Baía), Flis-fli-ris-flas (Galaxia), Cando eu saiba ler (Galaxia), O arco da vella (Xerais), El gran libro de relatos de piratas y corsarios (Parramón), Rodribico e a noite (Baia), Rodribico aprende a voar (Baía), Rodribico e o mar (Baía), Rodribico vai ao circo (Baía), Rodribico visita a cidade (Baía), Antón, si tal! (Baía), Chispo, o esquío que venceu ao frío (Galaxia), O souto escuro e perigoso (Xerais), Os amigos de Santi (Galaxia), Vou ter un irmán (Galaxia), Jo de major vull ser... (Bromera), Lluvia de ranas (Planeta), entre outros.
© Xosé Tomás - © Desta edición, Cadernos Redelibros ISSN 2173-1977 - Vigo, xaneiro de 2011. Reservados todos os dereitos.